Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia seguirá recibindo axudas da Unión Europea (UE) máis alá de 2014

A Xunta de Galicia valora moi positivamente que a presidencia chipriota da UE recoñeza na súa proposta de compromiso sobre o orzamento comunitario que as rexións que, como Galicia, abandonen no período financeiro 2014-2020 o Obxectivo Converxencia, seguirán percibindo fondos estruturais da UE. Concretamente, a Presidencia propón que estas rexións continúen recibindo o 63 por cento das axudas do período actual.

A noticia confirma o xa manifestado a principios deste mes pola presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional, Danuta Hübner, que constatou o apoio do Parlamento Europeo á demanda galega de establecer unha “rede de seguridade” para as rexións que abandonan o grupo de rexións menos desenvolvidas a partir de 2014, o que permitiría a Galicia seguir recibindo un volume importante de fondos.

O Goberno galego amosa a súa satisfacción ante a noticia, que supón un paso máis neste camiño, froito do esforzo e o traballo levado a cabo pola Xunta desde maio de 2009. De todos xeitos, seguirá traballando para que esta axuda se faga efectiva, posto a proposta deberá ser debatida aínda entre o Parlamento europeo e o Consello, onde están representados todos os países da Unión.

Traballo en prol dunha axuda de transitoria

Nos últimos anos, a Xunta e a Fundación Galicia Europa veñen traballando en diversas frontes para garantir que Galicia siga a percibir fondos europeos no vindeiro período 2014-2020. Por un lado, agrupando as rexións que se atopan na súa mesma situación dentro da rede Convergence Regions on the way to Cohesion (CROWC), co obxectivo de sumar apoios e transmitir esta demanda a todos os actores europeos implicados, e por outro, a través do traballo no Comité das Rexións da UE, órgano comunitario que agrupa os entes locais e rexionais europeos, onde os representantes galegos teñen defendido e asegurado que se respectase esta “rede de seguridade” en todos os ditames referidos á futura política de cohesión.

Ademais, distintos altos cargos do Goberno galego mantiveron encontros ao máis alto nivel con mandatarios europeos en Bruxelas e con responsables do Goberno español para lograr o respaldo á postura galega, que finalmente foi recollida pola Comisión Europea nas propostas lexislativas que publicou o pasado ano.

Próximos pasos

Agárdase que os xefes de Estado e de Goberno cheguen a un acordo sobre o orzamento na reunión extraordinaria prevista para o 22 e 23 de novembro e, unha vez adoptado, o Parlamento deberá aprobalo ou rexeitalo en bloque. Tras tomar esta decisión, continuarán as negociacións entre as institucións sobre os regulamentos da política de cohesión para que sexan adoptados antes de 2014.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia