Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Hospitais do Sergas realizan 239 transplantes de órganos no que vai de 2012

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolle a exposición itinerante do III Concurso de Debuxo e Lemas para escolares relacionado coa doazón e os transplantes, e que foi inaugurada pola titular da carteira sanitaria do executivo galego, Rocío Mosquera Álvarez, quen estivo acompañada polo director da Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde, Jacinto Sánchez Ibáñez.

Nesta exposición, que permaneceu durante unha semana en cada hospital da rede do Sergas, así como en diversos centros de saúde, están os debuxos que o xurado designou que resultaran premiados.

No concurso, destinado ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), participaron 1.050 estudantes de 42 concellos galegos.

Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Rocío Mosquera busca achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar para que os rapaces poidan valorar os beneficios para a cidadanía do fomento da doazón de órganos. A medida complementouse con actividades formativas realizadas en clase polos profesores que facilitaron a creación de ideas e que propiciou o desenvolvemento da imaxinación do alumnado á hora de elaborar o debuxo.

Para o Servizo Galego de Saúde, un dos obxectivos primordiais na concienciación da doazón e o transplante é precisamente o deseño de intervencións educativas dirixidas a dotar de coñecementos e mellorar a opinión sobre este tema entre a mocidade galega.

As Consellerías de Sanidade e a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria están a colaborar nos últimos anos académicos na realización dunha campaña de información sobre a doazón de órganos e tecidos en centros educativos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos da nosa comunidade. No transcurso deste tempo, impartíronse un total de 434 charlas e 23.217 alumnos de 100 concellos diferentes recibiron información sobre a doazón e o transplante. Neste senso, as enquisas realizadas ao remate das charlas amosaron a vontade dos rapaces, dos cales o 85% declaran o seu desexo de ser doadores de órganos, e o 97% respectarían a decisión expresada en vida por un familiar a doar. Isto pon de manifesto a importancia de informar, educar e invitar a que a cidadanía manifeste a súa decisión.

Actividade nos dez primeiros meses do ano

Nos dez primeiros meses deste ano houbo en Galicia un total de 84 doadores de órganos cadáver, fronte aos 70 do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento do 20%, e realizáronse un total de 239 transplantes. Destes, 78 foron de fígado, 18 de corazón, 25 de pulmón, 5 de páncreas e 113 de ril (17 deles de doador vivo). Ademais, tamén nestes dez primeiros meses, preto de 4.300 persoas amosaron a súa intención de doar os seus órganos o día en que falezan, o que fai que, xa máis de 87.000 galegos, estean en posesión do carné de doador.

No acto, Rocío Mosquera agradeceu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e aos profesores dos 66 centros educativos participantes neste concurso, o seu esforzo e interese amosado para que a mocidade tome conciencia sobre a doazón, o que lles permitirá tomar unha decisión responsable o día de mañá.

Ademais, a máxima responsable da sanidade pública galega remarcou que nada disto sería posible sen a xenerosidade dos doadores e as súas familias, que co seu xesto fan realmente posible que o milagre do transplante sexa unha realidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia