Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo Massó acollerá os materiais da excavación do Forno das Ánforas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, visitou as instalacións do Museo Massó de Bueu, que será o depositario de restos romanos recuperados no xacemento arqueolóxico de Forno das Ánforas.

Vázquez Abad, xunto á directora do centro, Covadonga López de Prado, a delegada da Xunta en funcións para Pontevedra, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coñeceu de primeira man o museo que conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

Novos materiais expositivos

Ademais o museo será o depositario dos materiais recuperados na excavación arqueolóxica do xacemento romano situado na praia de Pescadoira, Bueu, e coñecido como Forno de ánforas. Os restos atopados revelan a importancia da localidade pontevedresa desde a época romana como centro de desenvolvemento da actividade da salazón do pescado. Ademais este forno de fabricación de ánforas é o único localizado no noroeste da Península, o cal reforza máis a importancia deste descubrimento.

Así os restos achados serán incorporados a mostra permanente do Museo Massó como referentes da actividade salazonera da zona.

Actividades para todas as etapas
Por outra banda o Museo continúa a ofertar actividades educativas para os estudantes. Con En busca do tesour, obradoiro destinado aos estudantes de primaria, terán que atopar as diferentes partes dun crebacabezas, coma se dun tesouro se tratase, a partir dun mapa e dalgunhas pistas orientativas. A ruta do mapa centrarase na primeira volta ao mundo e os motivos comerciais que a impulsaron.

Ademais hai outros tres obradoiros para estudantes de primaria e de secundaria e de bacharelato. A agulla de marear ten como obxectivo facer comprender as propiedades magnéticas da Terra e familiarizar os escolares co manexo do instrumento e a súa utilidade na navegación. Cartas náuticas servirá para que os participantes coñezan a interpretación e manexo das cartas náuticas, para que aprendan a utilizar as unidades de medidas náuticas e as escalas e a situar os puntos de referencia da costa e os faros de Bueu no mapa. E, Nós mariñeiros, coa que o alumnado montará un pequeno cadro con cinco nós mariñeiros básicos –cote, as de guía, chan, oito e ballestrinque– realizados por eles mesmos, unha vez se lles explique a súa orixe e aplicación.

Para este mesmo público ofértase o obradoiro Unha imaxe do mundo cambiante, onde se afondará no proceso de cambio desde a concepción medieval de que a Terra era plana ata a confirmación da súa redondez. O obxectivo é amosar como coas viaxes de descubertas e expedicións foi cambiando a faciana do planeta e a nosa visión del.

Para os estudantes de bacharelato e grupos de profesores, o museo pontevedrés ten preparado un percorrido monográfico pola obra que o pintor Urbano Lugrís realizou por encargo da familia Massó, baixo o título Urbano Lugrís no Museo Massó e viceversa. Nesta actividade os asistentes terán a ocasión de coñecer a obra do pintor que non se expón ao público e ver aqueles obxectos da colección que o pintor incorporou na súa iconografía, e coñecerán a pegada que deixou a colección do entón Museo Mariñeiro na configuración da iconografía e o universo pictórico de Lugrís.

O Museo Massó

A orixe das coleccións do Museo Massó retrotráese a primeiros do século XX, grazas ao labor coleccionista dos Massó, unha familia catalá que asentou en Galicia a comezos do XIX para a explotación da industria pesqueira galega. José María e Gaspar recompilaron unha interesante colección de obxectos relacionados co mar e unha completa colección de libros. Este sería o xermolo dun museo instalado no antigo edificio da fábrica conserveira familiar e que foi inaugurado en 1932 por idea de Guillermo Marconi (Nobel de Física en 1909) quen, en 1928, visita Bueu e queda impresionado pola colección.

No centro únese o patrimonio marítimo e industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época, contando cunha colección única de libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas, que constitúen a alma desta colección. Co tempo, a actividade pesqueira e os testemuños das factorías conserveira e baleeira foron completando o perfil do museo.

O Museo Massó conta desde hoxe cunha nova vía de promoción a través dunha das pantallas de publicidade instaladas fronte ao concello de Bueu e na que se proxectará e publicitará o contido do centro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia