Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Deséñanse as prioridades da Sociedade Dixital en Galicia para 2014-2020

Un grupo de traballo da Xunta de Galicia, encabezado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e polo director xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Javier Rodríguez Seijo, analizaron en Santiago de Compostela as prioridades impulsar a sociedade dixital en Galicia no novo período comunitario 2014-2020.

Mar Pereira e Javier Rodríguez Seijo reuníronse para identificar proxectos prioritarios nestas materias, que no actual período 2013-2020 recibirán un financiamento superior aos 140 millóns de euros. En concreto, 50,5 para infraestruturas de telecomunicación, 13,3 para solucións tecnolóxicas, 72,7 para Servizos e Aplicacións aos Cidadáns e 4,7 para Servizos e Aplicacións a pequenas e medianas empresas.

Entre as actuacións clave que puxeron enriba da mesa no marco do Feder, están o desenvolvemento de infraestruturas de nova xeración para crear emprego e contribuír a mellorar a produtividade e a competitividade, así como as aplicacións de administración electrónica co fin de potenciar a innovación, a modernización e o acceso a estes servizos por parte dos cidadáns, incluídos os colectivos máis afectados pola fenda dixital e as persoas con discapacidade.

Outro dos puntos abordados neste reunión foi a análise de accións das TIC para cubrir futuros retos e oportunidades da sociedade, como construción duns servizos públicos máis eficientes e accesibles aos cidadáns, o avellentamento da poboación, o uso eficaz de recursos, a eficiencia enerxética e as solucións de TIC para as cidades intelixentes.

Pola súa banda, e no marco do Feader, a prioridade para o período 2014-2020 é mellorar a accesibilidade, o uso e a calidade das TIC nas zonas rurais, facéndoas accesibles a todos. Para iso, levaranse a cabo accións de creación, mellora e expansión da infraestruturas de banda larga, así como aplicacións e servizos en apoio da sostenibilidade e a competitividade das zonas rurais e da agricultura e a transformación dos alimentos.

Do mesmo xeito, abordouse a conveniencia de dotar dun contido dixital permanente para o desenvolvemento do medio rural e de promocionar a competencia dixital fóra dos sistemas de ensino convencionais entre os agricultores, os xestores forestais e as empresas rurais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia