A Deputación de Ourense edita a obra polifónica do Padre Manuel Feijoo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/libro_polifonica_padre_feij.jpg)
O libro destaca por ser unha completa obra que recompila o traballo
musical do Padre Manuel Feijoo –misas, panxoliñas e obras varias-, ao que se aplicaron criterios de "edición histórica", respectando a fidelidade dos manuscritos orixinais, sen adicións ou alteracións para que a música soe tal cal e como foi concibida polo creador.
Tamén cabe salientar o pouco peso do libro, a pesares do seu gran formato, "pensado para interpretar e ser utilizado como partitura", segundo destacou o editor Carlos Núñez, e ademais é de subliñar que foi editado completamente en papel ecolóxico.
Rosendo Fernández afirmou que a obra musical do Padre Manuel Feijoo -natural das terras de Cartelle- "trascende o ámbito musical para darlle ao libro a fondura do poso e da expresión das nosas tradicións e da nosa cultura". Engadiu Fernández que a Deputación de Ourense aposta sinaladamente por promover e conservar a nosa música porque é algo consubstancial á nosa cultura".
A Deputación de Ourense conta unha liña editorial de edición de obras relacionadas coa música desta provincia, e xa ten publicado varios cancioneiros populares, estudos sobre corais ou asociacións musicais e tamén a obra de compositores ourensáns, coma Manuel de Dios, Camilo Andrade ou o Mestre Vide. En 2010, contratou o traballo de inventario da obra do franciscano ourensán o Padre Manuel Feijoo, cuxos manuscritos están depositados no arquivo do Convento Franciscano de Santiago de Compostela, coa intención de publicar a obra musical deste compositor.
Os manuscritos foron catalogados, tralo cal se fixo unha análise
musicolóxica e paleográfica da obra, ademais de transcribila e maquetar as partituras orixinais, un traballo que foi realizado por Carlos Núñez Deza.
Agora, a Asociación Exorfeonistas do Orfeón Terra a Nosa e Amigos do Padre Manuel Feijoo colabora coa Deputación de Ourense na promoción e difusión da senlleira figura do Padre Manuel Feijoo mediante a coedición deste traballo que recolle a música deste compositor ourensán que noutra época levou o nome de Ourense polo mundo.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense