Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Profesores da Facultade de Ciencias da USC investigan unha nova cría de capón de Vilalba

Co proxecto, enmarcado no Programa de Recursos Agropecuarios do Plan Galego I+D 2002-2005, preténdese conxugar tradición con calidade á vez que reducir os custes de produción e diminuir os prezos de venta ao público.
A investigación, que se atopa na fase inicial, parte de tres razas como son a de Mos, a raza semipesada e a pesada, cunha alimentación similar á do capón tradicional pero que contará con tres meses menos para o engorde. Os polos aliméntanse a man dúas veces ao día cunha pasta elaborada con millo e auga fervida á que se engade, ás veces, pataca, castañas e ovo, e que repercute positivamente na calidade da carne e na cor dourada da súa pel. Algúns dos animais tamén serán criados con alimentos ecolóxicos para analizar esta variedade produtiva.
O obxectivo é colocar no mercado un capón máis pequeno e menos graxo que poida competir con outras carnes e non teña que ser consumido en grandes ocasións. Na actualidade soamente se pode adquirir na feira anual que ten lugar en Vilalba no mes de decembro, cunha produción total no concello chairego de 2.000 exemplares, que quere chegar a unha media de entre 50 e 75 mil anuais para desestacionalizar a súa produción. Gonzalo Hermida, presidente da asociación e responsable do proxecto, sostén que o principal é identificar aquel animal que polas súas características se poida comercializar durante todo o ano e obter un produto de consumo diario que poida rivalizar nos mercados urbanos.
O programa, que conta co respaldo da Consallería de Innovación, Industria e Comercio, contempla a realización de estudos de mercado para coñecer a demanda real e a aceptación dos consumidores ante este novo produto. Tamén pretendemos desenvolver unha investigación cualitativa consultando a diferentes restaurantes a súa opinión sobre os diferentes pitos, asegura Gonzalo Hermida. Para conseguir as pezas idóneas tratarase de coñecer a raza, a alimentación, o peso ao sacrificio e a idade máis axeitados de cara á súa futura comercialización.
Outro aspecto importante do novo produto será o sacrificio, que deixará de realizarse nos domicilios dos criadores para facerse en matadoiro e converterse así nun proceso productivo semiartesanal que permitirá ao capón de Vilalba optar á obtención dun título de calidade. Un proceso que, como din os investigadores, comenzará dentro duns meses cando remate a fase de engorde dos polos e chegará ao seu fin no ano 2006.
Gabinete de Comunicación de la USC