Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta traballará para que Bruxelas se manifeste “con axilidade” sobre a non retroactividade do "tax lease"

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello que, unha vez encamiñado o futuro do tax lease, o compromiso do Goberno galego é seguir traballando, por un lado, co Goberno central, para que efectúe todos os trámites necesarios para a entrada en vigor deste sistema; e para que Bruxelas se manifeste “con axilidade” sobre a non retroactividade das axudas percibidas polo sector, en base á confianza lexítima dos armadores e en base á confianza lexítima dos estaleiros. “Os estaleiros e os armadores cumpriron a normativa española e, en consecuencia, ese principio de confianza lexítima de cumprir a lei ten que prevalecer sobre calquera outra continxencia. Esperamos e desexamos que ese principio de confianza lexítima teña por parte das autoridades de Bruxelas o alcance e contido que debe ter en dereito”.

Feijóo afirmou que coa aprobación do tax lease pola Unión Europea, “temos dado un paso sen o cal o sector naval galego non tiña ningún futuro”. “Ábrese –dixo- unha fiestra de esperanza para o sector naval sen a cal non era posible competir en termos de eficiencia nos prezos finais dos buques construídos na comunidade autónoma galega”.

O presidente do Goberno galego reiterou o agradecemento ao sector e ao Goberno central. “Ao sector porque estivemos traballando xuntos e tivemos perseveranza e determinación para atopar unha solución legal e que satisfixese as necesidade económicas dunha competitividade en igualdade co resto dos estaleiros europeos. E, agradecemento ao Goberno central por aceptar a proposta que pactamos co Ministerio de Facenda e co Ministerios de Industria, coordinados pola vicepresidenta do Goberno, e hoxe, podemos dicir que ese espírito de colaboración e lealdade foi asumible por Europa”.

Diante deste panorama, Feijóo avogou por que ese espírito de colaboración e lealdade “siga inspirando ás distintas dificultades que vaiamos tendo nos sectores produtivos; lealdade e colaboración co Goberno central para atopar solucións e para atopar respostas”.

Neste sentido, lembrou que nesta lexislatura que remata, “non fomos capaces de sensibilizar ao Goberno socialista da importancia do sector naval. O problema do tax lease xurde en maio de ano 2011 e a lexislatura finaliza en decembro do ano 2011, con este asunto pendente e sen ningunha solución. Empezamos a traballar remitindo á UE un documento e empezamos a traballar, por suposto, consensuando ese documento co novo Goberno de España. E o resultado foi que, hoxe, temos unha solución legal europea para poder competir co resto dos estaleiros de Europa”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia