Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA entrega carbón e unha póla de eucalipto a Xosé Manuel Barreiro

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), coa colaboración do rei mago Melchor, entregou no rexistro da Consellería de Medio Ambiente unha caixa con carbón e mais unha póla de eucalipto para o conselleiro Xosé Manuel Barreiro. Deste xeito, denuncia o apoio de Barreiro ás centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama, ao reclamar ao Ministerio de Medio Ambiente máis dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) para estas centrais, alegando a acción de absorción de CO2 das plantacións forestais galegas, debida principalmente aos eucaliptais. Por iso, considera que Barreiro, en lugar dun verdadeiro conselleiro de medio ambiente, é un conselleiro de fomento do cambio climático e da eucaliptización.
O conselleiro de medio ambiente defende as fábricas de cambio climático das Pontes e de Meirama
Barreiro uniuse á Consellería de Industria para defender a contaminación por CO2 das centrais térmicas das Pontes e de Meirama, respectivamente o primeiro e o sétimo foco emisor de CO2 de España. Barreiro entende que é inxusto que o Ministerio de Medio Ambiente penalice a produción de electricidade a partir do carbón, o combustíbel máis contaminante. Barreiro esquece que están previstas dúas novas centrais térmicas de gas natural en Galiza (Sabón, de Unión FENOSA, e As Pontes, de ENDESA) e que o borrador da súa Consellería para a elaboración da Estratexia Galega fronte ao cambio climático avoga pola substitución do carbón por gas natural.
Barreiro ignora que as emisións por habitante de CO2 e doutros gases causantes do cambio climático en Galiza son de 12,8 toneladas (ano 2001), superiores á media europea, da UE-15 (10,9), e a media do Estado español (9,7), así como a de estados como Alemaña (12,1) ou o Reino Unido (11). Máis do 40% das nosas emisións proceden das centrais térmicas de carbón. Somos o país de Europa coas maiores emisións por habitante de CO2 debidas á combustión de carbón.
Barreiro avoga pola eucaliptización como medio para loitar contra o cambio climático
Barreiro esgrime como argumento para non reducir ou reducir a penas a contaminación das centrais térmicas de carbón, o efecto sumidoiro de CO2 das masas forestais galegas. O efecto sumidoiro contabilízase a nivel estatal e débese en grande medida ás plantacións de eucaliptos, pola súa maior capacidade produtiva. Desta forma, a Xunta, que ten permitido a expansión masiva e desordenada dos eucaliptais, con importantes custos ambientais, procura un argumento para defender unha política forestal marcadamente produtivista e, ao mesmo tempo, unha excusa para defender a contaminación por CO2, nomeadamente na produción de electricidade.
A loita contra o cambio climático pasa fundamentalmente pola diminución das emisións nas fontes de contaminación, o que se traducirá nunha mellora xeral do medio ambiente e en avanzos cara ao desenvolvemento sustentábel. Por outro lado, cómpre ter en conta que as masas forestais poden pasar de ser sumidoiros a fontes emisoras por causa dos incendios, cuxa incidencia aumentaría na Península Ibérica como consecuencia dos efectos potenciais do cambio climático.



Adega