Feijóo apela á corresponsabilidade dos profesionais para manter a viabilidade sanitaria

Neste sentido, Feijóo quixo agradecer o compromiso do presidente e dos profesionais da Organización Médica Colexial, coa que se reuniu; “agradecer o compromiso en axudar para manter a sanidade pública a pesar da crise económica, para manter unha sanidade pública eficiente e viable”.
Así mesmo, o titular da Xunta agradeceu á OMC a presentación, en Galicia, do documento Profesión Médica e reforma sanitaria, con propostas para a mellora do Sistema Nacional de Saúde. “E, agradecemento, tamén, porque no documento se concretan algunhas cuestións positivas do Servizo Galego de Saúde, faise algún guiño da boa xestión e da participación que se está intentando facer no Servizo Galego de Saúde, dentro das competencias e das responsabilidades da xestión sanitaria dos hospitais e dos centros de saúde da atención primaria, en Galicia”.
Feijóo incidiu en que o Goberno galego participa da filosofía, da estratexia e da orientación do texto para salvar o Sistema Nacional de Saúde da profunda crise económica que está padecendo España e “da diminución drástica dos ingresos que temos as administracións públicas”. “Estamos de acordo coa OMC de implementar medidas que se basean máis no bo goberno, na xestión clínica, na planificación dos servizos, na planificación dos recursos, na xestión eficiente da sanidade e dunha prestación farmacéutica proporcionada e razoable. O documento fai fincapé no bo goberno, na xestión clínica e en adoptar unha serie de medidas para preservar a viabilidade do Sistema Nacional de Saúde”.
Nesta liña, e amais da corresponsabilidade, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá profundando nunha racionalización do uso do medicamento, “nunha prestación farmacéutica homologable ao resto de Europa”. “E, en segundo lugar, -engadiu- imos profundar nunha proposta de planificación da tecnoloxía e dos servizos de referencia dentro do Servizo Galego de Saúde; imos buscar un entendemento cos profesionais para ver cál é a planificación que temos que adoptar, cáles son os servizos de referencia e en qué lugar deben de estar e cómo debemos de utilizalos para dar maior calidade e excelencia no ámbito da tecnoloxía sanitaria”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia