O Campus Vida da USC acada a máxima cualificación como Campus de Excelencia
O informe do comité valora positivamente o proceso de innovación docente na adaptación dos graos ao EEES, así como a mellora das infraestruturas, e confirma o potencial e competencia do Campus de Excelencia Internacional liderado pola USC no ámbito das Ciencias da Vida.O informe de avaliación destaca tamén os avances realizados pola Escola Internacional de Doutoramento, cunha oferta para o período analizado de 20 programas de doutoramento, con un 20 por cento de estudantes estranxeiros, un 18 por cento de teses europeas e unha notable participación en programas internacionais de formación. Nas súas consideración xerais, o Comité avaliador remarcou ademais positivamente a internacionalización de Campus Vida visible en diferentes redes de investigación internacionais, na mobilidade de investigadores estranxeiros ou a na importante participación en proxectos de investigación internacionais no campo biomédico.
No apartado das fortalezas os expertos internacionais subliñan os avances cara a organización da investigación biomédica nun bioclúster que integra investigación, desenvolvemento e innovación, e destacan o avance na internacionalización da estratexia de transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento da valorización dos resultados de I + D. Polo que respecta ás debilidades, a avaliación realizada considera que a captación de investigadores é aínda algo débil, apuntando a necesidade de reforzar as estratexias de atracción de científicos de alto nivel e investigadores posdoutorais.
A modo de valoración final, o Comité encargado da avaliación considera que o proxecto de Campus Vida no ámbito biomédico “está evolucionando moi ben”, e anima a trasladar as experiencias e avances a outras áreas da USC nas Ciencias da Vida.
O reitor, Juan Casares felicitou a todos os membros da comunidade universitaria que contribuíron, co seu traballo, a que o Campus de Excelencia Internacional da USC acadara esta positiva valoración no período comprendido entre xuño de 2011 e setembro de 2012. O ministerio notificoulle esta valoración á Universidade e comunicoulle que, ao constatar unha evolución tan positiva, queda eximida de presentar informe de progreso o próximo ano, pedíndolle unicamente o informe final, cando rematen os catro anos.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
