Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Parque Natural de Corrubedo aínda carece de plano de uso e xestión

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denuncia a deixadez na xestión do Parque Natural de Corrubedo por parte da dirección do parque natural e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Un feito indicativo disto é que, desde a súa declaración como parque natural en xuño de 1992, aínda non se aprobou o Plano de Uso e Xestión do parque. Este Plano debe establecer as directrices de ordenamento de usos e actividades permitidas, fundamentais para garantir a conservación da natureza protexida polo parque natural.
Para ADEGA é significativo que pasasen 12 anos sen que se tomasen cartas no asunto, evidenciando unha notábel desidia e inacción na xestión, inapropiadas para a xestión dun dos nosos parque naturais que soporta maior uso público.
ADEGA denuncia tamén a pasividade da Consellería de Medio Ambiente ante os Planos de Actuación da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente no parque natural. Ditas actuacións, que se encontran en revisión nestes momentos, son un conxunto diverso de medidas, unhas positivas e outras que estimamos negativas para a conservación do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal. A Consellería, malia ser responsábel da xestión do parque, aínda non se pronunciou sobre este proxecto de actuacións, do que ten coñecemento desde hai varios anos.
A asociación ecoloxista ADEGA esixe á dirección do Parque Natural de Corrubedo, como persoal ao servizo público, que non se siga inhibindo ante as cuestións relevantes que atinxen ao parque. Por poñer un exemplo, nos últimos tempos abríronse pistas ilegais en zonas protexidas urbanisticamente do parque. Dado que o uso público do parque se vai incrementar certamente coa construción da autovía do Barbanza e o desenvolvemento do turismo na zona, o estabelecemento de medidas de regulación dos usos do parque é un instrumento imprescindíbel, se queremos preservar os seus valores.
ADEGA, que representa ás asociacións galegas de defensa ambiental na Xunta Consultiva do Parque Natural de Corrubedo, estima que é hora xa de que cada un asuma as súas responsabilidades, posto que por iso, entre outras cousas, reciben un salario mensual do erario público.
Adega