Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Estréase en Padrón a obra Avós... nunca é tarde

O sábado 29 de decembro estreouse no Auditorio de Padrón (A Coruña) a obra de teatro ‘Avós... nunca é tarde’, que narra a historia dunha familia moi tradicional na que, a través das vivencias cotiáns, xurde o xermolo da corresponsabilidade. A posta en escena desta obra supón a fase final dos obradoiros de teatro desenvolvidos por un grupo de persoas maiores, nunha acción enmarcada no programa da Secretaría Xeral da Igualdade de sensibilización dos valores da educación libre de estereotipos de xénero, para persoas que realizan tarefas de atención e coidado dos seus netos e netas menores.

A través destes obradoiros de teatro, as persoas participantes no programa teñen a oportunidade de reflexionar sobre a vixencia dos estereotipos de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade, a socialización diferencial por xénero, as desigualdades no reparto de tarefas domésticas ou a segregación do mercado laboral por sexos. O programa, que se vai desenvolver nas catro provincias, deu comezo en Padrón, co ensaio e a estrea desta peza teatral.

A iniciativa, que ten como obxectivo utilizar o teatro como medio para a ruptura dos estereotipos de xénero, a partires da concienciación das persoas maiores que exercen labores de coidado de menores, forma parte das accións do Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 e desenvólvese a través do proxecto Eles tamén, no que participan Galicia, Castela León e Portugal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia