Entregados os premios dos certames litario, fotográfico e curtas de Adega
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de entregar os premios do II Concurso Fotográfico “Fotografías polo territorio”, do II Certame de Relatos O lugar onde vivo e do I Certame de Curtametraxes‘E ti que é o que ves, que organiza a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) en colaboración coa Vicepresidencia do organismo provincial.O obxectivo do concurso de fotografía foi, por unha banda, ofrecer imaxes nas que se mostraran ocasións nas que a actividade humana supuxera unha agresión ao noso país, xa sexa contra o patrimonio, a cultura ou a paisaxe, en definitiva: a identidade territorial. Por outra, imaxes nas que se puxera en valor este patrimonio. Plantexáronse dúas categorías para este premio, xuvenil e adulta, presentándose un total de 50 traballos. A gañadora da categoría xuvenil foi Marcos Utreta pola súa fotografía “Frío”, e o da categoría adulta, Alberte Sánchez pola súa obra “Mar de contaminación”.
No caso do certame literario tamén participaron máis de 40 relatos, e para decidir os gañadores, o xurado baseouse na orixinalidade, a calidade literaria, a coherencia do código lingüístico empregado e que o territorio galego figurara no relato. Os vencedores desta modalidade foron, na categoría xuvenil, o relato “A cadeira da moura” de Daniel Duque, e na categoría adulta, “Ribeira” de Francisco Castro.
No marco da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”, este ano ADEGA tamén convocou o I Certame de Curtametraxes “E ti que é o que ves?, co gallo de que a sociedade retratara o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra. “Cóntame como era”, de Marisa Otero López foi a obra gañadora.
ADEGA é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida. ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, por un modelo de desenvolvemento sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países. É a asociación de defensa ambiental máis activa e con maior implantación do noso país, cunha experiencia de traballo de máis de 25 anos.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo
