Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O orzamento da Real Academia Galega para 2013 ascende a 861.000 euros

A Xunta de Galicia concederá á Real Academia Galega (RAG) para o 2013 un orzamento de 520.000 euros, tal e como se confirmou nun encontro mantido co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Unha reunión na que estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín e o secretario desta institución, Xosé Luis Axeitos. A cantidade é a máis alta das consignadas nos tres últimos exercicios. Trátase dunha dotación orzamentaria que consolida e mesmo incrementa a cooperación da Xunta de Galicia coa RAG, en momentos nos que os axustes forzan a baixada orzamentaria nun escenario de restricións económicas aplicables a todo tipo de entidades.

Ao remate de dito encontro Vázquez Abad asegurou que “chegamos a un punto de entendemento, e asumindo que estamos nun contexto dunha difícil situación económica, a achega da Xunta de Galicia será equivalente a do ano pasado”. O conselleiro precisou que “estamos a falar de 520.000 euros, como punto de partida. Ademais, a Academia continuará contando coa nosa colaboración no desenvolvemento das diferentes actividades e celebracións que organicen, como a do día 17 de maio”.

Asemade o conselleiro de Cultura e Educación destacou o recoñecemento da Xunta á tarefa que se desenvolve desde a Real Academia Galega, e sinalou que “conta con todo o respecto e apoio por parte da Xunta de Galicia”.

O titular de Cultura e Educación lembrou finalmente que, deste xeito, o orzamento da institución académica ascenderá a 861.000 euros en achegas tanto estatais como autonómicas, sendo 520.000 procedentes da Xunta e 341.000 euros do Goberno Central.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia