Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Consello Galego de Industria potenciará os sectores productivos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a creación do Consello Galego de Industria para coordinar con todos os axentes implicados as políticas públicas relacionadas cos sectores produtivos e centralas fomentar na creación de emprego.

“Somos conscientes de que a industria galega precisa dun novo impulso e dunha nova estratexia de actuación que lle permita traballar cada vez con maior intensidade no ámbito da innovación e no ámbito da internacionalización”, afirmou Feijóo, quen lembrou que este Consello Galego de Industria, o primeiro que se crea, deriva da Lei de Política Industrial recentemente aprobada. Así mesmo, defendeu a conveniencia de contar “con todas as ópticas e, en consecuencia tamén, con todos os axentes implicados”.

Segundo afirmou, este organismo traballará en “tres eidos clave que temos detectado”: a innovación, a internacionalización e a mellora da competitividade. Con respecto da innovación, avanzou que se seguirán “os principios recollidos no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015”. Sobre a internacionalización, avanzou que se abordarán as estratexias das empresas para “reorientalas a mercados exteriores con especial énfase en determinados países iberoamericanos”. E, finalmente, en relación coa competitividade, apuntou que se actuará “axeitando o dimensionamento competitivo”, así como poñendo á disposición das empresas galegas “infraestruturas físicas, infraestruturas tecnolóxicas e infraestruturas enerxéticas”.

O presidente da Xunta salientou que o Consello Galego de Industria contará coa presenza de representantes da Consellería de Economía e Industria, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da da Consellería do Medio Rural e do Mar, baseada esta última en que “queremos que o sector primario sexa fundamental nas políticas industriais nesta lexislatura”. Do mesmo xeito, remarcou que estarán representados no organismo as organizacións sindicais e empresariais e determinadas entidades locais e colexios profesionais.

Entre as función do Consello Galego de Industria, Feijóo destacou as de emitir informes, realizar propostas e elaborar estudos nas materias nas que se requira, así como a creación de grupos de traballo coa participación de expertos de recoñecido prestixio nos ámbitos correspondentes.

O titular da Xunta enmarcou a creación do Consello Galego de Industria na aposta do Goberno galego por loitar contra os efectos da crise nos sectores fundamentais da economía galega. Referiuse así a que o Goberno galego investiu xa 120 millóns de euros nun plan integral de apoio directo aos sectores da automoción en Galicia, co resultado de que tanto a PSA Citröen como as empresas auxiliares “están empezando a mellorar a súa competitividade”, ao pasar dos 297.000 vehículos fabricados en 2012 aos 400.000 previstos para 2013.

Subliñou tamén o investimento de 100 millóns no desenvolvemento do sector naval, a través de avais ou préstamos, e políticas que están dando froitos como a alianza con Pemex, ou a diminución da incerteza no sector naval coa solución do tax lease. Así mesmo, Feijóo puxo en valor o apoio dado ao sector enerxético, coa Lei de aproveitamento eólico e o novo concurso nese eido.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia