Dous anos de austeridade da Cidade da Cultura
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cidade_cultura_arquivo.jpg)
Nun contexto de recortes, a optimización de recursos fixo posible que a actividade cultural medrase. De feito, o ano pasado organizáronse 14% de actividades máis que no 2011, mentres que o orzamento da Fundación Cidade da Cultura se vía reducido nun 30%. A redución de recursos tampouco afectou a calidade da programación, que obtén unha puntuación media de 8,5 sobre 10 nas enquisas de calidade que realizan os participantes.
Dous anos despois da súa inauguración polos Príncipes de Asturias, o Gaiás foi visitado por un total de 664.739 persoas e organizáronse nel un total de 509 actividades culturais, cifras que confirman o potencial do complexo como polo de atracción turística e a súa capacidade para dinamizar o sector cultural.
Paralización das obras
O programa de aforro destes dous anos veu encabezado pola paralización das obras nos dous edificios pendentes, decisión que lle permitiu a Xunta de Galicia un aforro de 77 millóns de euros. A paralización estivo seguida da inauguración do Museo Centro Gaiás e do Centro de Innovación Cultural (CINC), concluíndo o proceso de posta en funcionamento dos catro edificios construídos.
Co obxectivo de avanzar no aproveitamento dos espazos, a Xunta de Galicia decidiu en 2012 trasladar ao Gaiás a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e os servizos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia que estaban radicados aínda no Hospital de San Roque (Santiago de Compostela). O resultado foi un aforro non só en alugueiros, senón tamén nos gastos da Xunta en enerxía eléctrica, gas, limpeza, mantemento e vixilancia.
Tres millóns de aforro
Unha mostra deste aforro foi a localización no Gaiás do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), o chamado “corazón dixital” da Xunta de Galicia. Nestas instalacións se están a concentrar 80 centros de proceso de datos ata agora distribuídos en diferentes puntos da comunidade. A unificación de todos os servizos nunha mesma infraestrutura tecnolóxica permitirá unha redución dun 27% do custo enerxético do gasto anual da factura eléctrica dos CPDs actuais. Tamén reducirase un 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento do mesmo. Todo isto sumado á reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro anual de 3 millóns de euros.
Consecuencia destes traslados é que, a día de hoxe, na Cidade da Cultura están a traballar xa preto de 300 traballadores correspondentes ao persoal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Amtega, AGADIC e das áreas de bibliotecas e arquivos da Secretaría Xeral de Cultura.
Aprobación do Plan Gaiás
Na articulación dun modelo de xestión eficiente para o complexo contribuíu de xeito decisivo a aprobación do Plan Estratéxico Gaiás 2012-2018. Con este documento que marca a folla de ruta para os próximos anos e fixa un programa de usos estables dos edificios é posible unha planificación plurianual, que repercute tamén na reducións de custos.
A captación de recursos privados para o financiamento da Cidade da Cultura foi outros do eixes deste período, tanto na procura de novos patrocinios como na comercialización dos espazos do complexo e na aposta por un modelo de xestión cultural mixto no que se combinan as actividades de balde coas de pago –acompañadas sempre de beneficios para colectivos especiais-.
No que atinxe a patrocinios cómpre destacar o compromiso das empresas integradas no padroado da Fundación Gaiás, fundación que estes dous anos financiou o 75% do custe do programa cultural. Asemade, durante este período déronse tamén pasos na captación de novos patrocinios. De feito, a práctica totalidade da mostra Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media foi sufragado por Fundación Iberdrola, Deputación da Coruña, Televés, M. Moleiro Editora e Novagalicibanco.
Rendabilización de espazos
A Cidade da Cultura impulsou durante este bienio un plan para a explotación e rendabilización dos espazos a través do seu aluguer para a organización de eventos empresariais e da súa cesión para dar apoio a institucións e colectivos sociais e culturais. Deste xeito, ademais das 271 actividades do programa cultural, o Gaiás acolleu en 2012 un total de 189 eventos organizados por empresas privadas, institucións ou colectivos. Apple, BBVA, Banco Santander, El Corte Inglés, American Express, Novartis, Barceló Viajes ou Filmax foron, entre outras moitas, algunhas das firmas que teñen pasado polo Gaiás organizando xornadas de formación, presentacións de produtos ou conferencias.
Aumento de visitantes, mínimo custe
A pesar do contexto económico, no que a meirande parte das institucións culturais de España están a rexistrar descensos nas súas cifras de visitantes, a Cidade da Cultura pecha 2012 cun total de 332.847 visitas, o que supón un incremento a respecto de 2011. O incremento é realmente maior do que din os números pois no primeiro ano o número de visitantes viuse favorecido polo “efecto inaugural” dos primeiros meses, mentres ca no 2012 o incremento de visitantes debeuse ao efecto das ofertas como as exposicións de Gallaecia Petrea, ou dos Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media, e o amplo abano de espectáculos e actividades programadas. Un aumento de público especialmente meritorio si se ten en conta que se fixo con custes mínimos para as arcas públicas, grazas ás achegas privadas, procedentes dun notable incremento de patrocinadores. En vista deste importante logro, este tipo de novas fontes de ingresos vai ser a liña a seguir no futuro, habida conta de que ne 2013 poderanse ampliar as actividades e o número de usuarios a pesar da importante redución orzamentaria que sufrirá a Cidade da Cultura. Polo demais, as 271 actividades culturais postas en marcha no Gaiás o ano pasado posibilitaron a contratación de 317 empresas e 620 artistas. O 83% destas empresas foron galegas e o 66 % dos artistas tamén.
O propio proxecto da Cidade da Cultura segue a espertar un grande interese, tal e como demostran as 1.174 visitas guiadas celebradas ao longo dos últimos doce meses e polas que pasaron 31.785 asistentes. Especialmente destacables son as visitas didácticas pensadas para escolares, coa participación de 16.245 alumnos de Primaria, Secundaria, ESO e ciclos formativos.
Programación diversa e de calidade
Na programación de 2012 destacou a apertura do Museo Centro Gaiás co inauguración de Gallaecia Petrea, exposición que suma a día de hoxe 51.545 visitantes, cunha media de 290 persoas ao día, e que continuará aberta ao público ata o 31 de marzo. Ademais, o último trimestre do ano, o Museo Centro Gaiás acolleu Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media. Do éxito da mostra dá boa conta o número de visitantes: 32.852 persoas durante os 86 días que permaneceu a aberta ao público, cunha media de 382 visitantes por xornada. Dentro da programación da Cidade da Cultura -que tivo marcado rango internacional, con presenza de premios Nobel e de figuras de talla mundial de diferentes ámbitos- compre sinalar tamén que o evento Cidade Imaxinaria logrou congregar nun só día a máis e 8.000 persoas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia