Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

AGE pide que o Consello de Contas fiscalice os efectos da crise sobre as políticas públicas da Xunta de Galicia

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de reclamar que o Consello de Contas, o órgano autónomo encargado de fiscalizar a xestión económica financeira do sector público, elabore un informe “para coñecer a fondo o impacto da crise nos servizos públicos fundamentais”. A deputada Yolanda Díaz así o expuxo na comisión parlamentaria de Facenda, onde compareceu o conselleiro maior de Contas, Luciano Fariña. “Queremos coñecer os efectos derivados de ter recursos dispoñíbeis máis reducidos”, esixiu Díaz, “ademais da evolución do número de traballadores nos servizos públicos, a contía e custes do endebedamento financeiro ou do provocado pola colaboración público-privada [por exemplo, na construción do hospital de Vigo]”.

Alternativa defende a “colaboración institucional” co Consello de Contas. E faino pola “importancia fundamental que ten o control público nestes tempos tan tristes”. Pero entre as cuestións que, ao xuízo de Yolanda Díaz, cómpre mellorar no ente de control económico e financeiro da Administración autónoma atópase a de fornecelo de capacidade sancionadora. Arestora, só o Tribunal de Cuentas de Madrid, dependente das Cortes estatais, pode exercer esa función.

Ademais, AGE insta ao Consello de Contas a reducir o tempo que transcorre entre “os informes de fiscalización e os feitos reais que estes informes analizan”. En concreto, a parlamentaria Yolanda Díaz pediu que o denominado Informe Xeral da Administración se presente “de forma separada ao resto dos informes”. “Isto esixiría”, explicou, “adiantar a información necesaria, que existe, a xullo do ano posterior ao analizado e presentar o informe en decembro do mesmo exercicio”. O obxectivo de mudar os períodos de traballo da institución responde, segundo Alternativa Galega de Esquerda, á necesidade de “poder debater no Parlamento a conta xeral do ano anterior.

Díaz rematou lembrando ao conselleiro maior do organismo a necesidade de propor á Xunta “a extensión das penas e as sancións aos concellos, entregando subvencións máis pequenas para corrixir incumprimentos básicos dos mesmos”. “Máis do 80% dos concellos galegos non aproban os orzamentos en tempo e forma”, denunciou a deputada de AGE, “e iso é unha anomalía que se debe corrixir”.
Gabinete de Comunicación de Alternativa Galega de Esquerda (AGE)