Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Nun mes comezan as obras da macropiscifactoría que destruirá a paraxe do Cabo Touriñán

En febreiro iniciarase a construción dun dos complexos de acuicultura máis grandes do mundo nun dos espazos de maior interese paisaxístico do litoral peninsular: a macropiscifactoría de Pescanova en cabo Touriñán. Asistiremos así a unha nova aberración ambiental, pois tan só hai uns meses foi inaugurada a primeira fase da piscifactoría de
Cabo Vilán, outro espazo de alto valor ecolóxico. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) reitera a súa oposición á instalación desta macropiscifactoría en Touriñán e defende o desenvolvemento sostíbel da zona afectada.
ADEGA envioulle aos vicepresidentes e conselleiros de Política Territorial e de Medio Ambiente copias dunha reportaxe da revista Interviu sobre a planta de Touriñán, xunto a un escrito no que se lles solicita que expliquen publicamente, xa que non contestan aos escritos
de ADEGA, como encaixaría este impactante proxecto nas futuras directrices de ordenación do territorio e na conservación da Rede Natura 2000, da que forma parte Touriñán.
ADEGA condena a inmoralidade e o abuso que supuxo a ameaza de expropiación que mostrou Insuiña S.L (filial de Pescanova que contou coa colaboración directa do alcalde de Muxía) ao negociar cos propietarios dos terreos, case todos da aldea de Touriñán. Froito
destas prácticas pechouse a venda por un valor de entre 50 céntimos e 1 euro por m2, mais unha excursión á festa do marisco do Grove e ás instalacións de Insuiña nesa vila. A empresa prometeu verbalmente que habería empregos para todos, tamén para os emigrantes. Anúnciase a creación de 250 empregos, mais a planta de Vilán só creou 15 empregos permanentes.
ADEGA defende a aplicación de medidas que promovan o desenvolvemento económico da zona sempre dende a óptica da conservación ambiental e a sustentabilidade. Entre outras porpostas, ten solicitado a reubicación do Parador Nacional da Costa da Morte (proposto inicialmente para Lourido, en Muxía, e que conta coa oposición dos veciños residentes afectados) para as proximidades da aldea de Touriñán, acompañado de axudas para a revalorización do conxunto urbanístico de Touriñán e das instalacións do Faro. A posta en valor das actividades tradicionais da zona (agricultura, gandería, pesca e marisqueo) é unha alternativa máis beneficiosa para a zona e para o conxunto da sociedade. Xeraría máis postos de traballo e asentaríase nos principios de desenvolvemento sostíbel dos que tanto fala a Xunta, alén de ser máis acorde coas novas directrices de ordenación territorial que se
proclaman e coa Directiva Hábitats da UE que crea a Rede Natura 2000.

Adega