Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mellórase tecnolóxicamente a web de Meteogalicia para os concellos

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou as novidades e melloras técnicas e informativas que a Xunta deseñou para a páxina web de Meteogalicia. Destacou que estes cambios permitirán ofrecer aos cidadáns contidos máis sinxelos e de calidade e co que se espera conseguir superar as 28 millóns de visitas rexistradas no ano 2012. Hernández engadiu que este seguimento, xunto coas cifras de descarga rexistradas da aplicación MeteoSix Mobile -que ao longo do ano pasado foron 26.500-, demostra que os servizo de meteoroloxía é un referente de transparencia e máxima accesibilidade para os cidadáns en materia de información ambiental.

Sinalou que os cambios na nova web executáronse con medios propios, aproveitando os recursos técnicos e humanos existentes, polo que se cumpre coa estratexia da Xunta de sacar o máximo aproveitamento aos recursos materiais e humanos existentes, con custe cero para as arcas públicas.

Outra das das novidades da nova páxina web de Meteogalicia consiste en que a partir de agora se poden consultar diariamente os principais índices de ruído, cun detalle de tres franxas horarias diferentes (mañá, tarde e noite), tal e como establece a lexislación vixente. O conselleiro sinalou que Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en ofrecer datos sobre contaminación acústica. A Xunta puxo en funcionamento recentemente unha rede de observación de ruído ambiental, mediante a instalación dunha serie de sonómetros nas estacións de calidade do aire nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Páxina de referencia

O conselleiro de Medio Ambiente argumentou que os accesos á paxina de Meteogalicia e aos servizos que ofrece son a mostra de que a web de Meteogalicia é un referente de información meteorolóxica e da predición.

Sobre as novidades con respecto a esta tarefa de Meteogalicia destacou que a predición ofrécese para os 315 concellos de Galicia, o que significa multiplicar por 17 a predición, que na actualidade só se amosaba para 18 localidades.

Non obstante, na web visualizarase un acceso directo á predición dos 7 principais concellos e poderanse engadir dous máis segundo as preferencias do usuario, en tres tres franxas horarias: mañá, tarde e noite (ata agora só había dúas).

Hernández destacou que tamén como novidade, se incorpora a probabilidade de choiva e nas tres franxas (mañá, tarde e noite) e tamén se ofrecerá información do estado do ceo, o vento, as temperaturas máxima e mínima e un comentario de medio prazo.

Definíronse novas iconas de meteoros e ventos que permiten maior detalle na información de predición e incorpóranse novas iconas que ata o de agora non tiñan representación (como pedrazo e auga neve) e outras para entrar en maior detalle (chuvia débil e forte ou para nevadas intermitentes ou continuas).

Calidade do aire

No relativo á información sobre a calidade do aire, unha das principais novidades é que se amosa unha predición para as vindeiras 48 horas. Na actualidade contase cun modelo predictivo propio, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, no que se contabilizan máis fontes de emisión como os fluxos de tráfico rodado e marítimo e o sector doméstico, non só as industriais como é o habitual. Cómpre indicar que ata o momento se enlazaba aos datos do Estado.

Outras das novidades que se establece é que os datos da rede industrial, que ata o de agora se facilitaban mensualmente, tamén poderán ser consultados en tempo real, isto permitirá aos cidadáns facer un seguimento aínda máis preciso dos niveis das emisións de contaminantes das grandes instalacións industriais.

Co obxectivo de facilitar aos cidadáns a comprensión da información, esta preséntase de xeito máis sinxelo, visual e comprensible, con códigos de cores, gráficas..., mantendo apartados con información técnica en profundidade para os colectivos especializados. Asemade, mantense a información en tempo real dos datos obtidos polas estacións de calidade do aire, xestionadas pola Xunta, e continúase ofrecendo datos mensuais de todas as estacións.

Por último, o conselleiro sinalou que esta mellora responde ao obxectivo estratéxico do Goberno de apostar polo crecemento intelixente, avanzando nun modelo económico de desenvolvemento baseado no coñecemento e na innovación. En definitiva, trátase dun exemplo da aposta da actual Xunta polo coñecemento, pola innovación e pola información ao alcance dos cidadáns.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia