Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta comprométese coa calidade, comercialización e internacionalización do sector primario

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu o apoio da Xunta para mellorar a calidade, a comercialización e a internacionalización do sector primario e convertelo “nunha oportunidade” no camiño cara ao crecemento. “Imos seguir apostando polo rural e polo sector primario e imos seguir traballando para converter aos produtores en emprendedores, en empresarios, en xente que se agrupa e que une a súa capacidade de produción á súa capacidade de emprendemento”, aseverou.

Feijóo, que visitou esta mañá, en Bóveda, a empresa de produtos cárnicos Galcarnes S.L. e a empresa de produtos de apicultura Pazo de Lusío, salientou que a calidade, a comercialización e a internacionalización foron tres liñas de actuación polas que o Goberno galego apostou na pasada lexislatura, “e vai seguir apostando nesta que acaba de comezar”.

O titular da Xunta precisou que non basta con ter un bo produto, senón que para poder competir hai que esforzarse por que ese produto sexa excelente. E, nesa aposta pola calidade, afirmou que a Xunta sempre apoiará a aqueles produtores que aposten pola calidade dos seus produtos; “sempre estaremos con eles, coas súas empresas e a súas iniciativas, porque a calidade é o maior investimento de futuro que pode facer o sector primario”.

Así mesmo, animou aos produtores a buscar sempre a marca e apoiarse nas denominacións de orixe. “A marca é o que diferenza un produto e por iso as denominacións seguen sendo, hoxe, unha das apostas do Goberno galego. ‘Mel de Galicia’ –referiuse, a modo de exemplo- é unha denominación de orixe que acredita a marca e a calidade do mel galego. A marca é a que nos une e a que nos fai máis fortes”.

No tocante á comercialización, lembrou que reforzar o sector primario tamén significa seguir facendo esforzos por vender mellor os nosos produtos. E, con este obxectivo, avanzou que neste presuposto do ano 2013, e a pesar das dificultades, inclúese unha partida de máis de 15 millóns de euros para axudar á comercialización dos produtos galegos. “Levamos nos presupostos incrementos do 70% e 80% das partidas relativas á comercialización dos produtos do sector primario e imos seguir apoiando a todos os que queiran comercializar e situar os seus produtos nos lugares da demanda”.

En relación á internacionalización, Feijóo salientou a aposta decidida do Executivo galego por ampliar horizontes e abrir Galicia a novos mercados; “pola internacionalización dos nosos produtos e por ser capaces de vender fóra de Galicia e de España”. Con este obxectivo, o responsable autonómico destacou o incremento dun 10% dos orzamentos dedicados a este fin.

Unha Galicia unida, con capacidade de produción, de comercialización e de exportación

O presidente da Xunta concluíu reiterando a aposta polo rural e garantindo o compromiso por configurar “unha Galicia unida, que ten capacidade de produción, de comercialización e de exportación”. “Galicia non pode estar dividida entre a Galicia da costa e a Galicia do interior; entre a Galicia urbana e a rural. Galicia é única”.

Así mesmo, lembrou que ese compromiso co rural estase a concretar en accións: “Empezamos pola Ribeira Sacra para estender internet a toda Galicia e o obxectivo este ano 2013 é que o 100% da poboación galega teña conexión. Seguimos apostando polo medio rural cando facemos infraestruturas e, a pesar da crise, o corredor que une as terras de Lemos con Sarria e con Monforte ten que executarse e finalizarse nesta lexislatura. Nos Presupostos Xerais do Estado, Galicia é a segunda comunidade con maior investimento por habitante de España. E apostar polo rural é apostar polos servizos sociais, polas escolas infantís e polas residencias da terceira idade”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia