Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta incoa a fábrica de cerámica Sargadelos como Ben de Interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia publica a incoación como Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a favor da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, en Cervo (Lugo). O conxunto de edificios que conforman a Fábrica de Cerámica de Sargadelos é a materialización do singular proxecto industrial, cultural, social e de identidade galega ideado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane froito das reflexións, investigacións e propostas xurdidas no Laboratorio de Formas.

Este complexo é o reflexo directo da vontade destes dous intelectuais de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez cuxo pensamento ilustrado inspirou a Díaz Pardo. O conxunto de edificios construído entre 1968 e a década dos anos setenta do século XX, sitúase no lugar chamado O Rato, na parroquia de Sargadelos no concello lugués de Cervo.

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos é un exemplo singular e único de industria na que o proceso de produción era parte dun ambicioso proxecto de rexeneración cultural e social de Galicia, no que o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica, conformaron unha realidade sobranceira da vangarda galega. Con esta resolución, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende protexer, poñer en valor e difundir a singularidade deste complexo arquitectónico e cultural.

Elementos arquitectónicos relevantes

Dentro de todo o complexo actual de Sargadelos a incoación de declaración comprende unha serie de edificios e construcións de alto interese vinculados co Laboratorio de Formas e as actividades nel desenvolvidas: o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat Lois, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócalo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Pardo, o depósito de auga-miradoiro, o pequeno edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane.

Todos eles, a excepción do edificio circular, foron concibidos e deseñados por Isaac Díaz Pardo. No Anexo I desta resolución recóllese unha descrición de cada un deles, así como dos demais elementos de interese arquitectónico e cultural, e unha relación das pertenzas, accesorios e bens mobles a eles vinculados que pasarían a integrar o Ben de Interese Cultural. Exclúense especificamente da declaración os edificios de ampliación da fábrica que albergan hoxe en día o proceso de produción, por considerarse de menor valor arquitectónico-cultural e pola súa menor relación co Laboratorio de Formas.

Moito máis que un proxecto industrial

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, cos seus bens accesorios conforman un conxunto sobranceiro dentro da arquitectura industrial galega do século XX. O seu valor como industria cerámica punteira enmarcada nun ambicioso proxecto cultural, social e de identidade galega, así como a singular configuración arquitectónica e o valor dos bens mobles e artísticos neles contidos, fan de Sargadelos un complexo único.

Os deseños de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane son funcionais, de aspecto industrial, de extraordinaria lóxica construtiva e racionais. Neles podemos recoñecer ao movemento moderno, pero ao mesmo tempo incorporan aspectos da cultura tradicional galega, nun traballo de integración entre a propia tradición e as vangardas europeas do século XX.

A arquitectura, os bens mobles e artísticos e a produción cerámica da nova fábrica de Sargadelos son froito do estudo da arte e cultura galegas ao longo da súa historia, buscando nas formas castrexas, medievais ou barrocas, populares, rurais ou urbanas aquilo que puidera identificar a arte galega como un feito diferencial. Este elemento diferencial era cotexado e reinterpretado aos ollos da arte do século XX, modernismo, construtivismo ruso, racionalismo da Bauhaus e todas as últimas achegas artísticas e intelectuais da época no ámbito internacional.

O estado de conservación do conxunto é bo, se ben debido ao cese das actividades do Laboratorio de Formas dos últimos anos, enténdese que para a súa mellor integridade cara ao futuro deberían recuperarse usos e actividades relacionadas coa súa propia historia, coa investigación, a arte e a cultura.

O conxunto de edificios, construcións e bens asociados a eles conforman unha unidade coherente polo que pode entenderse como un ben industrial de especial interese. Por todo o anterior, dada a significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural deste ben industrial, sobranceiro e único en Galicia, merece o seu recoñecemento como BIC, coa categoría de monumento.

Prazo de alegacións e réxime provisorio

A partir de hoxe ábrese un período de información pública de dous meses no que os interesados poderán examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente nas dependencias administrativas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Asemade, segundo a resolución publicada hoxe realízase unha aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como a suspensión dos efectos nos permisos outorgados. As obras que, por causa de forza maior, teñan que se realizar con carácter inaprazable, precisarán a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia