O espectáculo familiar Flamenco kids chega á Cidade da Cultura de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/flamenco_kids.jpg)
Tras o éxito da ópera Il Cirque D’Amore, o ciclo Brinca Gaiás -co que a Cidade da Cultura pretende achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera, o teatro ou a danza a través do xogo e a diversión- aposta o vindeiro 10 de marzo polo flamenco. Flamenco Kids ofrécelle a pequenos e maiores un concerto didáctico e ameno onde o flamenco e os sons ancestrais convértense no vehículo estético e rítmico para contar unhas historias protagonizadas por un grupo de amigos do mundo máxico de ‘Quillolandia’ e que chegarán á alma de todos os nenos.
Aventuras, música e aprendizaxe son os alicerces básicos de Flamenco Kids, un completo espectáculo que se apoia nas bondades do mar Atlántico para, cuns personaxes creativos e unha música de raíces ancestrais, lograr obxectivos educativos a través do xogo.
Entradas xa á venda
O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste espectáculo pensado para nenos a partir de 3 anos. Flamenco Kids terá lugar o domingo 10 de marzo en dúas quendas: 12 e 17 horas e as entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ou a 5 euros no Espazo On da Cidade da Cultura. A entrada o mesmo día do concerto poderá adquirirse a 6 euros na billeteira do CINC.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia