Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Federación Ecoloxista Galega fai balanzo ambiental do 2004

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), federación que agrupa á maioría das asociacións ambientalistas galegas, a xeito de pequeno balanzo ambiental do ano que remata, quere destacar tres logros e tres problemas ambientais en Galicia durante o ano 2004.
LOGROS
A aprobación da lista de espazos da Rede Natura 2000
A aprobación en decembro por parte da Comisión Europea da lista de espazos da rexión atlántica que integrarán a Rede Natura 2000 é un feito histórico para a conservación da natureza no noso país. Alén das 14 Zonas de Especial Protección das Aves (ZEPAs) xa declaradas, 55 espazos da rexión atlántica integrarán a Rede Natura 2000 en Galicia. Lamentabelmente, Galicia está á cola das autonomías canto a porcentaxe de territorio proposto para a Rede Natura 2000, só un 12% fronte ao 22% da media española. Outros logros neste campo foron o abandono do proxecto de encoro de Narla, que afectaría ao
espazo da Rede Natura Parga-Ladra-Támoga e a sentenza contra a modificación da concesión para un novo encoro no Navia, que afectaría ao espazo Ancares-Courel, así como a decisión de non construír unha cementeira no espazo Enseada de San Simón.
Plano para cumprir o Protocolo de Quioto
O novo Goberno central comprometeuse a que España cumpra o Protocolo de Quioto e aprobou un Plano de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2. A pesar dalgunhas insuficiencias, a FEG valora positivamente este Plano e, en particular, a penalización das centrais térmicas de carbón no reparto de dereitos gratuitos de emisión, aínda non definitivo. No caso de Galiza, isto podería conlevar a diminución sustancial das enormes emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Alén de de ser necesario para prevenir un cambio climático global catastrófico, a aplicación do Protocolo de Quioto traducirase en múltiples melloras ambientais e promoverá o desenvolvemento sostíbel.
Creación do Centro para a Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima e do Litoral.
A creación do Centro para a Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima e do Litoral supón un logro importante que pode axudar a erradicar a inseguridade permanente á que está exposta o noso medio mariño por causa do intenso tráfico marítimo de diversas mercadorías perigosas e altamente contaminantes. Agardamos que o funcionamento deste Centro sexa efectivo para a prevención e combate de sentinazos, mareas negras e contaminación diversa procedente do transporte marítimo, materias nas que resta moito por
avanzar, para o que segue a ser preciso manter unha intensa presión social. 500 aves mariñas petroleadas por un sentinazo foron recollidas en abril nas nosas costas. A maioría morreron por non teren recibido tratamento adecuado.
PROBLEMAS
Incendios forestais: a marea negra dos montes
Este ano volveuse pór de manifesto que os incendios forestais seguen a ser un dos maiores problemas ambientais de Galiza, particularmente no interior do país. Segundo a Consellería de Medio Ambiente máis de 10.000 incendios arrasaron 32.065 hectáreas ao longo de 2004. O número de hectáreas afectadas é en realidade ben maior. Un estudo de 15 casos de incendios do Comité de Defensa do Monte Galego, plataforma social da que forma parte a FEG, demostrou que a superficie real afectada era un 45% superior á divulgada pola Dirección Xeral de Montes da Xunta.
A construción de novos encoros
No ano 2004 iniciáronse as obras dos primeiros encoros que forman parte do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico da conca do Ulla, o máis importante dos múltiples proxectos de presas que afectan a numerosos ríos da nosa terra, como o Miño, o Lérez, o Sil, o Verdugo, o Arnoia, o Outón (Fervenza de Entrecruces-Carballo) ou a fervenza do río Xesta (A
Lama). En relación tamén cos ríos, este ano rexistrouse un preocupante aumento dos episodios graves de contaminación.
A degradación dos espazos naturais
O conxunto dos espazos naturais de maior interese, en particular os que formarán a Rede Natura 2000, seguen a se degradar e a carecer de xestión adecuada. O seu elevado grao de indefensión posibilita a súa destrución por, entre outros factores, infraestruturas enerxéticas (parques eólicos, encoros) e de transporte (estradas, portos), piscifactorías ou unha excesiva presión urbanística. A degradación dos mellores espazos naturais é unha das causas principais do empobrecemento da nosa fauna e flora, á que contribúen tamén outras causas como a colocación de cebos envenenados ou a caza furtiva, que semellan ter medrado durante este ano nalgunhas zonas de Galicia.
Federación Ecoloxista Galega (FEG)