Diego Anido abre ao público a creatividade da súa montaxe performer Symon Pédícrí
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/diego_anido.jpg)
O artista galego afincado en Barcelona detallou hoxe en rolda de prensa as claves arredor das que está a construír a súa nova montaxe, coproducida polo Alt-Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo e o espazo El Graner, asociado ao Mercat de les Flors e ao programa Fábricas de Creación de Barcelona. Acompañaron a Anido neste encontro cos medios Manuel Guede Oliva, director do CDG, e Roberto Taboada, codirector do Festival Alt, que o venres 8 de marzo acollerá así mesmo un avance do que será Symon Pédícrí, aínda que cun formato diferente ao que se presentará esta fin de semana en Compostela.
A sesión no Salón Teatro consistirá na escenificación do núcleo do espectáculo no momento de creación no que se atopa tralas dúas semanas de traballo no Centro Dramático Galego e as súas residencias previas en El Graner e en Bos Aires (dentro do programa Iberescena). Serán aproximadamente trinta minutos de actuación en solitario, para a que potenciará a proximidade co público a través da instalación sobre o mesmo escenario dunha grada na que se situarán os espectadores.
Micromecenado
Os asistentes terán tamén a oportunidade de participar nun coloquio co artista sobre este proceso creativo, que eles mesmos contribuirán a materializar a través do sistema de micromecenado, xa que a venda de entradas para este encontro con Diego Anido destinarase a sufragar parte dos custos de produción de Symon Pédícrí. As localidades estarán dispoñibles no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio da mostra a un prezo especial reducido de 3 euros.
Pola súa banda, o Festival Alt presentará esta iniciativa como parte do cartel da súa duodécima edición, que se celebrará en Vigo do 6 ao 10 de marzo. Dentro da sección denominada Alt-Procrea, Diego Anido protagonizará o día 8 un showcase duns 15 minutos de duración no marco dun programa cuádruplo comentado e compartido coas bailarinas Nuria Sotelo, Estela Lloves e Mercé de Rande.
A ventriloquia como inspiración
Cos espectáculos de ventriloquia como inspiración, a nova proposta de Anido estase a construír a partir do xogo con diferentes técnicas escénicas como a manipulación de obxectos, a composición coreográfica, o teatro musical, o texto ou a videocreación, ao tempo que procura o equilibrio entre o humor e a escuridade.
O punto de partida é o personaxe de Symon Pédícrí, un dos últimos descendentes dunha saga familiar dedicada á selección xenética de razas equinas e impulsora, así mesmo, dun inofensivo sistema de clasificación xenealóxica das razas humanas. Rexeitado pola comunidade científica e impermeable aos avances da xenética, Symon intentará perpetuar as técnicas dos seus antepasados para lles dar un uso menos inocuo: crear un novo ser que supere a súa imaxe e semellanza. A través das súas prácticas con bonecos e criaturas intertes, conseguirá por fin comunicarse cunha das súas creacións e manter con ela un diálogo revelador.
Trala coprodución en 2008 do espectáculo Cascuda, reestreado no Festival Grec de Barcelona en 2011, o CDG volta colaborar con Anido e o seu universo creativo poñendo á súa disposición a nave de servizos escénicos da Agadic e o propio Salón Teatro. Durante esta residencia artística, o proxecto avanzou tanto nos diferentes aspectos interpretativos, como nos axustes técnicos da produción a través da achega de materiais e da incorporación ao proceso do iluminador e do sonidista.
Traxectoria
O galego Diego Anido desenvolve a súa traxectoria profesional en Barcelona vinculado á compañía de Andrés Corchero e dentro da Agrupación Señor Serrano, caracterizada pola creación contemporánea multidisciplinar. En paralelo, realiza unha intensa actividade como creador dos seus propios proxectos, que adoita levar a escena como único intérprete dunha linguaxe complexa e moi persoal que se serve do texto, da música, da acción e do corpo para plasmar propostas de difícil tipoloxía, próximas á performance.
No caso de Symon Pédícrí, xunto con Anido como autor e intérprete, participan no proceso Àlex Aviñoa no deseño de iluminación, Pablo Rega no de son, Isabel Franco a cargo do vestiario, Víctor Molina na asesoría teórica, Martí Sánchez no vídeo, Mónica Pérez na produción e Xavi Bobés e Andrés Corchero como colaboradores artísticos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia