Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cristina Pato participa no proxecto de convertir o Gaiás nun laboratorio musical

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converterá o Gaiás nun laboratorio musical no que artistas galegos terán a oportunidade de compartir do 18 ao 21 de abril unha experiencia única con oito grandes músicos internacionais a través da segunda edición de Galician Connection. Catro días repletos de actividades relacionadas coa formación, a colaboración, o pensamento e a difusión musical que terá como colofón un gran concerto de clausura no Museo Centro Gaiás baixo a dirección dunha das nosas artistas máis internacionais: Cristina Pato.

Xunto a ela, o Museo Centro Gaiás acollerá figuras punteiras das músicas tradicionais do resto do territorio español, de China, Cuba ou Estados Unidos; e destacados representantes do panorama musical galego como o acordeonista Víctor Prieto, o percusionista Isaac Palacín e a voz de Rosa Cedrón. O festival ofrecerá un programa formativo exclusivo con clases prácticas, workshops e encontros “cara a cara” con estes oito grandes músicos a través de foros e debates participativos. Ademais, o sábado 20 haberá un gran concerto de clausura no Museo Centro Gaiás e o domingo 21 unha jam session dirixida principalmente a músicos, intérpretes, docentes e estudosos do panorama musical internacional.

Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na rolda de prensa de presentación deste festival, na que estivo acompañado da directora-xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e da directora artística do evento, Cristina Pato.

Proxección internacional da música galega

O conselleiro salientou que, con iniciativas como a de Galician Connection, “a Cidade da Cultura dá un paso máis na busca da excelencia abríndonos ao exterior, permitindo unha achegamento de figuras punteiras do panorama musical á realidade galega e facéndonos partícipes das máis diversas tradicións culturais e movementos artísticos existentes no planeta”. Neste sentido lembrou ademais que o festival internacional entronca cos eixes recollidos no Plan Gaiás 2012-2018, tanto no que toca ao intercambio creativo entre a tradición galega e as correntes máis punteiras do panorama internacional, como no que atinxe a contribuír á formación dos músicos galegos e apoiar ás novas xeracións de creadores.

Obxectivos máis que cumpridos na primeira edición, tal e como evidenciou Cristina Pato ao recordar a posta en marcha de proxectos xurdidos da colaboración entre os participantes e músicos convidados, como a gravación dun disco entre Paquito d’Rivera e o Quinteto Cimarrón ou a participación dalgúns dos convidados no festival Hum Ensamble na India.

Así mesmo, o conselleiro quixo agradecer o compromiso dos patronos da Fundación Gaiás, grazas a cuxo apoio económico é posible realizar as actividades do programa cultural da Cidade da Cultura.

De Paquito d’Rivera a Jorge Pardo

Galician Connection volve ao Gaiás despois da súa estrea en 2012, cando músicos galegos e de diversos puntos do planeta puxeron en común as súas tradicións culturais. Compartindo experiencias nesta primeira edición estivo o discípulo de Ravi Shankar e mestre de táboa india Sandeep Das; unha das figuras máis influentes dentro do tango-jazz, o arxentino Emilio Solla; ademais do arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D’Rivera; e Anxo Pintos e Guadi Galego como representantes da cultura musical galega.

Neste 2013, oito serán os artistas que exerzan de mestres durante catro xornadas únicas. Polo Museo Centro Gaiás pasará o saxofonista e clarinetista recoñecido recentemente como mellor artista de jazz europeo e colaborador durante anos de Paco de Lucía ou Camarón, Jorge Pardo; Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa; o compositor, director de orquestra e pianista de jazz cubano, Omar Sosa; o violinista e emprendedor norteamericano residente en Afganistán, William Harvey; o percusionista e especialista en músicas tradicionais, Eliseo Parra; o acordeonista galego e residente en Estados Unidos, Víctor Prieto; a cellista e cantante galega, Rosa Cedrón; e o percusionista galego e membro de Berrogüetto, Isaac Palacín.

Clases prácticas + encontros “cara a cara” + workshops
Galician Connection 2013 ofrece un programa de formación exclusivo impartido por estes oito mestres da música, que inclúe clases prácticas, asistencia a ensaios e encontros "cara a cara". Deste xeito, os inscritos terán a oportunidade de concertar pequenas entrevistas individualizadas co artista que desexen coñecer profesionalmente, ao tempo que accederá a workshops onde afondar no coñecemento de distintas realidades musicais do mundo e aproximarse a instrumentos singulares e aos ensaios preparatorios do gran concerto final.

A inscrición ao programa formativo de Galician Connection ten unha matrícula de 90 euros, reducida no caso de que sexan estudantes (70 euros). Para realizar a inscrición só hai que entrar en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.

Foro de Emprendemento Cultural

Xunto o programa formativo, o Galician Connection 2013 celebrará un Foro de emprendemento cultural con catro casos de éxito a cargo dos seus responsables: Laura Freid, directora executiva do Silk Road Project; o músico William Harvey, responsable da organización Cultures in Harmony a través da que creou máis de vinte proxectos en doce países para promover o entendemento cultural a través da música; un dos fundadores da empresa Piranha Musik, responsable da feira internacional Womex; e Joaquín Martínez, director de Esmerarte Servicios Artísticos, unha empresa referente dentro do sector musical galego e nacional.

Ademais dos inscritos ao Galician Connection, o Foro de Emprendemento Cultural ábrese a todos os profesionais interesados na produción totalmente de balde. O Foro terá lugar o xoves 18 de abril a partir das 17:00 horas no Museo Centro Gaiás e para participar só é necesario inscribirse de balde en www.cidadedacultura.org ata completar o aforo.

Concerto Galician Connection e Jam Session

O fin de festa volverá ser un concerto de clausura no Museo Centro Gaiás a cargo dos músicos convidados, que interpretarán pezas de cada unha das tradicións culturais que representan e que irán artellando ao longo das tres xornadas de experimentación e colaboración. O Concerto Galician Connection 2013 terá lugar o sábado 20 de abril a partir das 21:00 horas. As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura a un prezo de 15 euros e no portal www.servinova.com a 15€+gastos de xestión. Tamén será posible retirar a entrada o propio día do concerto na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 18 euros.

Como novidade desta segunda edición, os participantes poderán ser os protagonistas durante a última xornada a través do Vermú-connection, unha especie de jam session na que demostrar non só o talento e os coñecementos adquiridos ao longo das últimas tres xornadas, senón interactuar con outros músicos e establecer sinerxías que poidan desembocar en futuros proxectos musicais. O Vermú-connection terá lugar o domingo 21 de abril ás 13:00 horas no Museo Centro Gaiás e a entrada é libre e de balde para todo aquel que desexe achegarse a gozar da música.

Tecnolab

De forma paralela, o Galician Connection 2013 decidiu propor unha nova actividade: a formación para estudantes de imaxe e son. Por iso, durante a xornada de preparación técnica do Concerto Galician Connection desenvolverase un laboratorio de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartido por profesionais experimentados nestas materias e dirixido a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia.

Neste laboratorio, os alumnos poderán ver in situ o desenvolvemento das sesión de ensaios e probas do concerto nos que terán a oportunidade de colaborar, facendo de Galician Connection unha ferramenta para a capacitación profesional dos estudantes en formación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia