Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O novo mapa de emerxencias prevé atención nun máximo de 30 minutos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu no Parlamento galego, onde destacou que o novo mapa de emerxencias de Galicia caracterízase por unha distribución máis racional dos recursos e polo consenso de todas as administracións implicadas na atención ás emerxencias en Galicia: Xunta, Deputacións e concellos, a través da Fegamp.

Ante a Comisión 1ª da Cámara galega, Villanueva explicou que o obxectivo primordial da nova distribución e evitar duplicidades nalgunhas zonas e cubrir as carencias de asistencia que existían no resto do territorio. Así, atenderá a poboación en tempos máximos de 30 minutos.

Con este obxectivo, créanse os novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter estable e permanente. Estes grupos estarán compostos por 12 efectivos, situaranse estratexicamente en 25 localidades e, ao ter carácter supramunicipal, estarán repartidos por toda Galicia complementando ás redes de bombeiros; nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.

En resumo, o novo mapa de emerxencias quedará formado polos 25 GES, os 25 parques comarcais de bombeiros cos que contará Galicia este ano -unha vez entre en funcionamento o de Carballiño- e os sete parques de bombeiros das grandes cidades, aos que se suman outros tres servizos municipais de bombeiros tamén xa existentes e que se potenciarán dende a Xunta: Ponteareas, Sanxenxo e Celanova.

Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc, todos eles coordinados dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.

Distribución con criterios obxectivos

A distribución dos grupos tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar. Ademais, evitouse duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instalará alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.

Os GES realizarán funcións de emerxencias, como a intervención en incendios forestais e urbanos ou a realización de traballos forestais preventivos. Precisamente, na presentación dos GES en San Caetano, a conselleira do Medio Rural e do Mar sinalou que esta colaborarán redobra o esforzo no traballo conxunto que se viña desenvolvendo cos municipios contra incendios forestais nos últimos anos, algo que cualificou como fundamental.

Ademais, tamén intervirán en situacións derivadas do desencadeamento de riscos naturais, como poden ser as nevaradas, inundacións, seca ou episodios meteoróxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas; entre outras funcións.

O financiamento dos novos grupos de emerxencias supramunicipais suporá un importante esforzo económico para as administracións implicadas, xa que o mantemento dos 25 grupos suporá un gasto de preto de 7 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará o 60 por cento, as deputacións provinciais un 20 por cento e os concellos o 20 por cento restante.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia