Quece motores o 9º Play-Doc de cinema documental de Tui
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/play_doc_2013_pres.jpg)
“Estamos moi satisfeitos. Esta é unha das mellores edicións. Son nove anos e a labor cristaliza sobre todo coa presenza do gran Albert Maysles”. Deste xeito comezaba a súa intervención Sara García quen salientaba que “a retrospectiva de Maysles é das máis importantes que temos feito”. Tamén indica que é un privilexio o ciclo que van dedicar a Guillén Landrián, apuntando é o contrapunto perfecto á obra dos irmáns Maysles. Por outra parte, salientaba o “momento óptimo” que vive o documental galego con repercusión internacional. Sara García explicaba que nesta novena edición teñen “unha programación reducida pero selecta” feita con moito cariño. Tiña amais palabras para os colaboradores de Play-Doc “pola súa profesionalidade e entrega”.
Ángel Sánchez, pola súa parte explicaba que “cumprimos 9 anos. Para nós este é un reto marabilloso, facer un festival internacional dende a periferia e que se fale del”. E engadía que neste caso “a periferia é un valor engadido” que impacta en cada un dos convidados de Play-Doc. Agradecía o apoio das institucións e entidades privadas pero tamén dos colaboradores individuais e anónimos como son os Play-Doc Support que “máis aló do impacto económico, o que importa é o impacto moral que supón que haxa tanta xente detrás do festival que o quere apoiar directamente”. Aludía amais á visibilidade que se lle da ao audiovisual galego tanto durante o festival, cos contactos que se fixeron nas distintas edicións, senón tamén nas actividades que Play-Doc realizado ao longo ano tratando de propor programación con documental galego fóra das nosas fronteiras porque “cremos profundamente no talento que hai en Galicia”. Explicaba por último que a supervivencia do festival é froito de que “sempre temos un proxecto moi equilibrado”.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, comezou a súa intervención indicando que “nunha situación complexa como a que nos toca vivir é importante que a cultura sexa aire fresco que nos anime a seguir traballando”. E engadía que “Play-Doc é o acontecemento cultural máis importante que se celebra en Tui”. Apuntaba amais o rexedor que a cidade é un lugar estratéxico polo seu posicionamento e pola súa traxectoria cultural ao longo dos séculos. Moisés Rodríguez afirmou que “o concello mantén a súa aposta económica por este festival”. Felicitou aos organizadores por esta novena edición destacando o traballo dos colaboradores e a gran resposta do público, pondo de manifestou o seu convencemento en que “Play-Doc vai ter moita vida”.
Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura, expuxo que “por parte da Xunta non hai dúbida do compromiso coa cultura e co audiovisual”. Salientaba amais o seu compromiso e apoio a Play-Doc ao tempo que destacaba que “este tipo de apoio visualiza a cultura que se fai en todos os territorios do país”.
Vanesa Rodríguez, concelleira de Cultura, salientou o referente internacional que é Play-Doc, un festival que leva o nome de Tui por todo o mundo, segundo dicía. Felicitou aos organizadores polo seu traballo e polo feito de comezar o festival en Tui e continuar con el na cidade.
O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, celebrará unha nova edición do 13 ao 17 de marzo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O concello que acolle esta cita do audiovisual foi tamén o escenario da presentación oficial do festival, nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde e a concelleira de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez e Vanesa Rodríguez, respectivamente, e os directores de Play-Doc, Sara García e Ángel Sánchez.
“A calidade dos contidos, coas tendencias máis actuais que se están a desenvolver no xénero documental, e a proxección de Play-Doc, que chega a un público amplo e heteroxéno” foron postas en valor polo secretario xeral de Cultura, que cualificou o festival como un referente do audiovisual en Galicia que se consolida ano tras ano.
Precisamente nesta condición de festival de referencia radica o apoio que a Xunta de Galicia lle vén ofrecendo á iniciativa e que se enmarca no compromiso da administración autonómica co audiovisual galego. Segundo informou Anxo Lorenzo, nestes momentos de dificultade económica a consellería colabora con Play-Doc no marco dun convenio singular, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Así mesmo, na súa aposta polos festivais de calidade que se están a realizar en Galicia, a Consellería de Cultura e Educación daralle continuidade á liña de subvencións para festivais escénicos e musicais, que foi posta en marcha en 2012 pola Agadic.
A novena edición de Play-Doc recupera a obra e a figura do cineasta cubano Guillén Landrán (1938-2003) a través dun ciclo con seis películas, os seus únicos títulos que sobreviviron á censura. Ademais, o festival contará coa presenza do prestioxo realizador Albert Maysles como estrela convidada, un dos máximos expoñentes do cine directo xunto co seu irmán, David.
Na súa sección oficial, Play-Doc reúne novo e recoñecido talento, cun total de cinco filmes procedentes de países como China, Bulgaria ou Estados Unidos, que competirán polo premio que outorga un xurado composto por reputados críticos e programadores. O traballo galego seleccionado deste ano é Arraianos (Eloy Enciso, 2012). A súa intensa presenza, en poucos meses, en foros como Locarno, Sevilla, a Viennale ou o Museum of the Moving Image de Nova York certifica a decisión de Play-Doc de incluíla a competición internacional.
Ademais, a música tamén volve ser protagonista en Play-Doc. Este ano, e con motivo da presentación no festival da obra do cineasta cubano Nicolás Guillén Landrián, o festival propón un achegamento ao universo sonoro de Kumar Sublevao-Beat.
Gabinete de Prensa de Play-Doc + Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia