Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo constata que nos 100 primeiros días de goberno, Galicia tomou decisións

No arranque da nova lexislatura, e cando se están a piques de cumprir os 100 primeiros días do Goberno xurdido das urnas o 21 de outubro de 2012; o presidente da Xunta, destacou, na rolda de prensa do Consello, que Galicia tomou decisións para: seguir blindando o seu autogoberno, seguir sendo un referente de eficiencia, seguir reforzando a cooperación e mellorar o benestar social e económico dos galegos. “Ante os galegos –dixo- comprometémonos a continuar no camiño da unidade e no camiño da estabilidade do Goberno e das institucións para que Galicia poda cumprir os cinco grandes obxectivos da lexislatura. E, ante os galegos, podemos dicir que os 100 primeiros días do Goberno teñen servido para constatar que estamos tomando as medidas necesarias para acadar o cumprimento dos cinco grandes obxectivos da lexislatura 2012-2016”.

Deste xeito, e no tocante ao primeiro obxectivo, Feijóo resaltou que a Comunidade galega tomou decisións para seguir blindando o autogoberno e para seguir tendo a solvencia necesaria para non depender do resto do Estado e poder, así, tomar decisións por si mesma. E, neste senso, referiuse a aprobación dos Orzamentos para o ano 2013, “en 16 días hábiles dentro do Goberno e nos 100 primeiros días incluído o Parlamento de Galicia”.

Nestes 100 primeiros días, o Goberno autonómico tomou, tamén, decisións para seguir sendo un referente de eficiencia; “e, neste eido, seguimos adoptando medidas que afondan no cumprimento desa solvencia e que afondan nunha administración pública que paga a provedores, que se financia nos mercados ordinarios e que cumpre os compromisos de déficit público”.

No eido da cooperación, Feijóo lembrou que a Xunta buscou a cooperación cos concellos, a cooperación dos concellos entre si e a remisión da carga lexislativa ao Parlamento galego para, no seu caso, os acordos e os consensos parlamentarios.

Así mesmo, e en relación ao cuarto obxectivo, o responsable do Executivo galego destacou que a Xunta adoptou numerosas medidas para seguir blindando o benestar dos galegos no ámbito da educación pública, da sanidade pública e dos servizos sociais.

Por último, e sobre o quinto obxectivo, destacou a toma de decisións para aproveitar o rigor, “que consolidamos nos últimos anos”; e para, mantendo ese rigor nesta lexislatura, iniciar unha senda de crecemento económico, cunha maior planificación dos sectores estratéxicos, con máis aposta pola innovación, con máis aposta pola internacionalización e con máis aposta polo emprendemento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia