Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Debátense as Leis de Telecomunicacións e de Innovación de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou no Parlamento galego que o proxecto de lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia converte ás telecomunicacións nun servizo de primeira magnitude, garantindo o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación e máis anticipación.

Rueda cualificou esta lei de “pioneira” e plenamente conectada cos principais obxectivos establecidos na Axenda Dixital Europea, na Axenda Española recentemente aprobada e, por suposto, na galega, en vigor dende o ano 2010, instrumentos todos eles que avogan pola extensión global das redes de telecomunicacións e que describen un escenario de avances que é preciso xestionar.

O vicepresidente indicou que Galicia é a primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, unha lei que complementa á normativa estatal e coa que “evitaremos que se dupliquen esforzos e investimentos nas administracións públicas galegas e conseguiremos unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados”.

Por iso, sinalou, a lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos. En base a esta información elaborarase o primeiro “Mapa de Infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”, que evitará a superposición de iniciativas aos operadores privados e concellos. Unha iniciativa, pioneira en España, na que se está xa a traballar e que permitirá establecer un plan de despregamento coordinado e en base a necesidades reais.

O mapa de infraestruturas permitirá desenvolver o futuro Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establecerá os criterios a seguir nesta materia nas ordenanzas municipais. Así mesmo, obrigará á inclusión das infraestruturas de telecomunicacións nos planeamentos urbanísticos, convertendo aos servizos de nun servizo máis para todos os galegos, ao igual que o son a auga ou a luz.

O vicepresidente destacou tamén outras medidas chave desta lei como fomentar o uso compartido de infraestruturas por parte dos operadores para evitar a extensión desordenada destas e reducir o investimento necesario.

Ademais, a lei garantirá que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital. Esta medida facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos socio - sanitarios, unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia (instaladores, fabricantes...).

No caso dos edificios públicos a norma contempla a previsión das infraestruturas necesarias para garantir o aproveitamento das TIC para a prestación de servizos públicos, reducindo o custo que suporía implantalas unha vez concluído o edificio.

En canto ás novas infraestruturas viarias, o conselleiro avanzou que xa está a exposición pública o decreto que establecerá que todas as novas estradas e vías de alta capacidade autonómicas incorporen as canalizacións precisas para instalar redes de telecomunicacións. O obxectivo é evitar o sobrecusto que supón instalar estas tecnoloxías unha vez rematado o trazado, actuando coordinadamente coa obra civil.

Establécese a obriga de que a futura Rede Dixital Única de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual.

Ademais, o proxecto de lei inclúe un mandato de información e formación permanente para a protección das persoas consumidoras e usuarias, con atención expresa ás persoas con discapacidade e a aquelas con necesidades sociais especiais.

A Lei de Innovación trázase a meta de incrementar o investimento público en I+D+i ata acadar o 1,2% do PIB nesta lexislatura

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou no Parlamento galego que a Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galicia ten como obxectivo crear un marco lexislativo estable, xerador dunha “innovación eficaz” e garantindo que dea resposta ás necesidades reais do tecido industrial e empresarial galego. Así, destacou que a nova norma nace coa meta de incrementar o investimento público nesta lexislatura ata acadar en 2016 o 1,2% do PIB galego, o que suporía un aumento de máis do 30%. Neste sentido, Conde, subliñou que a norma contribuirá á “consolidación da competitividade das empresas e institucións galegas, potenciando o desenvolvemento e a mellora do tecido produtivo grazas á transferencia de resultados”.

Para acadar estes fins, explicou Conde durante a presentación da norma, a lei introduce importantes novidades entre as que destaca a incorporación dos conceptos de valorización e transferencia de resultados da investigación á empresa como “factores de máxima relevancia”. “O obxectivo é que os resultados obtidos mediante o esforzo da investigación se poidan traducir en competitividade e crecemento socioeconómico para Galicia”, incidiu.

Para isto, a norma impulsará un Fondo de proba de concepto, por medio dunha liña de axudas ás pemes de 12 millóns de euros, destinado a facilitar a explotación comercial dos resultados da investigación levados a cabo pola empresa. Así mesmo, incídese na necesidade de que tanto os centros de coñecemento como as universidades combinen a excelencia científica cunha colaboración máis estreita coa empresa.

“En Galicia temos universidades entre as mellores do mundo, centros de investigación e tecnolóxicos pioneiros, sectores produtivos en posicións de cabeza, e empresas que son referencia internacional”, apuntou Conde, quen sinalou a necesidade de aproveitar todas estas capacidades para acadar “un punto de inflexión na produción e valorización do noso coñecemento”.

Neste contexto, salientou Conde, a lei supón unha decidida aposta por promover un Sistema Galego de I+D+i que terá como base a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e permitirá a Galicia “adaptarse ao novo escenario nacional e internacional adecuando a estratexia ao marco global”.

“As administracións públicas temos a responsabilidade de establecer o marco axeitado dotando ao sistema de estruturas eficientes que convertan o gasto en verdadeiro investimento, e garantan que a innovación se centre nas necesidades dos sectores produtivos”, explicou Conde.

Así, crearase o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, que implicará aos axentes do sistema na toma de decisións, ao tempo que se constituirá o Rexistro de Axentes do Sistema galego de Investigación e Innovación coa fin de catalogar a estes axentes. Ademais, para integrar toda a actividade investigadora e innovadora xestionada con fondos públicos, porase en marcha un Observatorio Galego de Innovación.

Todas estas actuacións englobaranse nun Plan Galego de Investigación e Innovación que, como explicou Conde, será “o documento estratéxico que marque os obxectivos a acadar neste eido en cada período de tempo, atendendo á coordinación dos axentes e aos recursos dispoñibles”.

Este Plan, destacou o conselleiro, terá que incorporar os resultados conseguidos e un sistema de avaliación dos mesmos: “Xa estamos comezando a súa elaboración, na que se reflectirá a avaliación dos resultados do Plan i2C así como o deseño da estratexia de especialización intelixente, a RIS3”.

Así mesmo, e de cara á execución do Plan, a norma define os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación. “Estamos a falar, entre outros, de infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación, centros e parques tecnolóxicos –apuntou Conde-, espazos fundamentais que concentran os recursos, os medios e o potencial para desenvolver procesos de innovación”.

Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria resaltou durante a súa intervención que o novo texto legal “non parte de cero, e nace acompañado de medidas concretas que xa temos posto en marcha”. Así, Conde lembrou que durante este ano se porán á disposición de novas iniciativas de estímulo da innovación en Galicia 148 millóns de euros públicos, destacando a segunda convocatoria do programa Interconecta, que contará con 75 millóns de euros para proxectos innovadores.

Sobre esta base, o conselleiro amosou o seu convencemento de que “este proxecto de Lei sexa o alicerce sobre o que construír un novo modelo produtivo de Galicia baseado no saber e no coñecemento”. “Este será o camiño que nos permitirá acadar uns elevados niveis de transferencia do coñecemento que dea resposta ás verdadeiras necesidades dos nosos sectores produtivos”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia