Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta porá a disposición dos concellos galegos un sistema de tradución automatizada antes do verán

A Xunta facilitaralles aos concellos galegos un sistema de tradución automatizada directa e inversa do galego ao castelán e mais ao portugués, que lle permitirá á Administración local galega aumentar a calidade lingüística da súa documentación técnica e administrativa, webs e correos electrónicos, ademais de reforzar e consolidar a aplicación da toponimia oficial de Galicia.

A Administración autonómica, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, acaba de adxudicarlle o desenvolvemento desta ferramenta á empresa galega Imaxin Software. A iniciativa, que conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, estará operativa antes do verán.

Tradución personalizada

A vantaxe deste sistema é que posibilitará a tradución de grandes volumes de documentación técnica e administrativa e permitirá a tradución inmediata de páxinas web, de documentos como actas ou informes, correos e documentos adxuntos.

Unha das principais novidades deste tradutor é que incorporará o léxico administrativo e nomenclatura das entidades propias da Administración, como os nomes de consellerías, altos cargos, órganos de goberno e nomes dos membros da corporación local.

Esta iniciativa forma parte do catálogo de servizos dixitais que a Administración galega está a facilitar ás entidades locais impulsar a implantación da eAdministración a través do Plan eConcellos. O tradutor automático estará dispoñible a través do portal Eido Local da Xunta de Galicia e a súa implantación irá acompañada cunha sesión formativa para explicar en detalle as funcionalidades do sistema.

Normalización do idioma e recursos compartidos

Coa posta en marcha desta ferramenta a Administración autonómica continúa avanzando en tres liñas: na contribución do uso correcto do galego no traballo diario dos empregados públicos, na normalización do idioma en diferentes eidos profesionais e na implementación de recursos compartidos entre administracións grazas á tecnoloxía.

O novo tradutor sumarase ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a pór á disposición dos empregados públicos e da cidadanía nos últimos anos. Tal é o caso do corrector Galgo 2.0, do bUSCatermos, do dicionario Digalego e da Enciclopedia Galega Universal, do Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña ou do Dicionario da Real Academia Galega en liña.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia