Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Publícase un caderno pedagóxico dixital sobre Días sen gloria, de Vidal Bolaño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará un caderno pedagóxico dixital dirixido ao fomento no medio escolar da obra de Roberto Vidal Bolaño Días sen gloria, a través da proposta escénica que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 5 de abril baixo a dirección de Fefa Noia.

A iniciativa, que se enmarca nas accións de homenaxe ao dramaturgo compostelán ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, é unha unidade didáctica elaborada por Montserrat Pena Presas, integrante de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), como ferramenta práctica dirixida especialmente a alumnos e alumnas maiores de catorce anos. Deste xeito, distribuirase nos centros de ensino secundario que participarán na campaña de difusión sobre a figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño que organiza o CDG como complemento á distribución do seu espectáculo en 12 localidades galegas ata finais de xuño.

Dentro deste mesmo cometido, a compañía pública ofrecerá 6 funcións matinais de Días sen gloria os días 10, 11, 17, 18, 24 e 25 de abril no Salón Teatro de Santiago, ás que acudirán grupos de estudantes acompañados dos seus mestres, co obxectivo de afondar nas claves da montaxe do CDG a partir do tratamento de distintos aspectos do feito escénico en xeral e sobre o teatro de Roberto Vidal Bolaño en particular.

O material, que estará dispoñible nos próximos días na web www.centrodramatico.org, propón distintas actividades e exercicios a partir de dous grandes bloques temáticos: o de Roberto Vidal Bolaño na cerna do teatro galego e o de Días sen gloria no contexto da produción de Roberto Vidal Bolaño, con especial tratamento tanto ao texto dramático orixinal (argumento, significación, influencias); como ao texto do espectáculo, con referencia ao equipo artístico e ao elenco conformado por Manuel Manquiña, Eva Souto, Sergio Zearreta, Felisa Segade e Borja Fernández.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia