Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O servizo municipal de conexión gratuíta a Internet “Ourense WIFI” supera os 13.000 usuarios

“Ourense WIFI” suma xa un total de 13.395 usuarios rexistrados, acumulados dende o inicio do proxecto fai pouco máis de dous anos, en decembro de 2010. Cunha media de 490 novos usuarios ao mes no último ano, o servizo municipal, que ofrece unha conexión gratuíta a Internet a unha velocidade que alcanza os 510 Kbs, permite consultas sinxelas como email, visita de páxinas web ou lectura de prensa dixital.

Así mesmo, o número de sesións totais ao mes viuse nos últimos meses notablemente incrementado, pasando dunha media de 11.751 entre febreiro e agosto de 2012, a un total de 17.484 sesións de media entre setembro de 2012 e febreiro deste ano, o que supón un incremento de uso dun 35%.

Ante as demandas dos veciños e o bo funcionamento do servizo, “Ourense WIFI” conta xa con 53 puntos de conexión que se estenden ao longo da zona urbana e rural do municipio, cunha recente ampliación de once novos nodos.

O Xardín do Posío -con 970 sesións no último mes-, o Parque de San Lázaro -con 953-, a rúa Serra Martiñá -con 889-, ou a Praza de Covadonga -con 863-, son os puntos con maior frecuencia de acceso por parte dos usuarios.

En canto ás estatísticas sobre o soporte empregado, un 40% dos usuarios empregan o teléfono móbil para efectuar a súa conexión, e o 60% restante outros dispositivos. A franxa horaria con maior número de conexións é a tarde, entre as 17 e as 21 h.

No referido ao idioma de acceso empregado, nos últimos meses percíbese unha importante porcentaxe no emprego de linguaxes estranxeiras: unha de cada catro conexións realízanse nun idioma de acceso diferente ao español (na súa maioría, en inglés). En canto ao sistema operativo, a maior parte de usuarios accede mediante Windows (58%), un 29% Android e un 6% iOS.
O ámbito de ampliación da rede WIFI comprende as seguintes ubicacións:

 Rúa do Paseo
 Praza Maior
 Praza de As Mercedes
 Avilés de Taramancos
 A Molinera
 Praza de Santa Eufemia
 Rabo de Galo
 Mende
 Beiro
 Montealegre
 Cabeanca

Gowex

A empresa concesionaria do servizo “Ourense WIFI”, Gowex, presta un servizo similar ao do Concello de Ourense noutras cidades españolas como Girona, Avilés ou Burgos, e noutros países como Arxentina, Bélxica, Francia ou Dublín. Máis recentemente -o pasado 5 de marzo-, GOWEX puxo en funcionamento en Nova Iork a maior rede cidadá de wifi gratis do mundo.


Gabinete de Prensa do Concello de Ourense