Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Búscase a creación dunha nova xeración de emprendedores

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo o seu primeiro encontro co novo representante da Federación Galega de Xoves Empresarios, José Manuel Valenzuela, e lle trasladou o proxecto da Xunta para revitalizar o tecido empresarial galego.

A futura Lei de Emprendemento foi un dos grandes eixos da reunión, na que tamén participou o conselleiro de Industria, Francisco Conde. Feijóo subliñou a vocación empregadora da nova lei ante o presidente de FEGAXE, e apuntou que o texto proxecta acadar a cifra de 130.000 emprendedores en catro anos. Para ilo, sinalou o xefe do goberno galego, a lei prevé a creación da Unidade Galicia Emprende, pensada para ofrecer estudos de viabilidade ás empresas nun prazo non superior aos 30 días e facilitar a creación das novas compañías en menos de 48 horas.

A finalidade da norma é a creación dunha nova xeración de empresarios galegos, dixo Feijóo, e destacou o papel que xa está a xogar FEGAXE no apoio aos emprendedores da comunidade. Un estímulo da Xunta será tamén económico; o anteproxecto da Lei de Emprendemento, que tamén foi remitido ao resto dos diferentes axentes sociais, contempla a mobilización de 15 millóns de euros. Eses fondos servirán para financiar diferentes proxectos a través de dous instrumentos: un novo fondo de capital risco e unha liña de microcréditos para proxectos emprendedores.

Máis alá destas iniciativas, a decidida aposta da Xunta completarase cun amplo paquete de medidas fiscais, configurando así un marco integral de apoio aos emprendedores e converténdoos en axentes fundamentais na creación de emprego. Feijóo destacou que Galicia debe ser capaz de sentar unhas bases sólidas para que se poidan sacar adiante os novos proxectos, e que ningunha boa idea debe deixar de converterse nun proxecto viable por falta de apoio.

Precisamente, a nova Lei de Emprendemento atenderá a tódalas fases do negocio, desde a súa creación ata a consolidación no mercado. Neste senso, a Xunta colaborará na formación dos emprendedores, na elaboración dos seus plans de negocio, no proceso de maduración das novas sociedades, e finalmente lles prestará apoio cando decidan implantarse en mercados internacionais.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia