Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Seis compañías participan no XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, presentaron na vicerreitoría de Lugo esta nova edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un certame que contará con participación internacional e que convertirá por uns días Lugo na capital da danza.

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que este ano chega á súa décima primeira edición, congregará os vindeiros días 17 e 18 de abril na capital luguesa a seis compañías artísticas dependentes ou vinculadas ás universidades Autónoma de Barcelona e Beira Interior, de Portugal, ademais das formacións propias da USC creadas ao abeiro do Espazo de Danza nos campus de Santiago e de Lugo e outras dúas compañías independentes: Zur 2 Danza e Fíos roxos, nacidas tamén ao abeiro da USC.

A compañía de danza USC Compostela, dirixida por Juan Carlos Zahera, abrirá o día 17, a partir das 20.30 horas, na sala de exposicións temporais do Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) este nova edición do Encontro de Danza Contemporánea da USC, onde presentará a coreografía ‘Comunicando’. Ao formación portuguesa TeatrUBI, dirixida por Rui Peres, representará de seguido no mesmo escenario a montaxe ‘Parecía que danzabamos. Ti vestido de príncipe e eu núa’.

A Aula de Danza da Universidade Autónoma de Barcelona, que porá en escena ‘Misteris’, unha coreografía que afonda nos misterios cotiás aos que nos enfrontamos a diario sen buscar solución algunha, e a compañía de danza USC Lugo, dirixida tamén por Juan Carlos Zahera e que presentará no Mihl ‘5 Elementos’, completan o cartel de representacións previstas na primeira xornada.

A formación independente Zur 2 Danza abrirá, a partir das 20.30 horas, a quenda de representacións o 18 de abril no Mihl coa proposta reflexiva ‘Elucubracións psicanalíticas do comportamento humano: antítese da significación bioxenealóxica (as relacións persoais)’. Tralo debut desta nova compañía de danza de cuño lugués, as compañías das universidades Autónoma, de Barcelona, e Beira Interior, de Portugal, poñerán de novo en escena as súas respectivas coreografías.

A programación artística do XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, contempla asemade unha actuación na rúa, como será a desenvolvida o propio 18 de abril, a partir das 12.30, polas dúas bailarinas que dan vida artística ao grupo independente Fíos Roxos e que farán unha première de danza na Rúa San Marcos baixo o título ‘Raíces amargas’.

O Encontro de Danza Contemporánea da USC, organizado no marco do convenio Lugo Cultural, mantén nesta nova edición os mesmos obxectivos cos que naceu e que non son outros que o de favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas presentadas polas compañías que participan, así como da propia convivencia dos seus compoñentes.

A duración das distintas coreografías incluídas nesta edición do Encontro de Danza Contemporánea da USC será duns 20 minutos cada unha. Lémbrase asemade que a entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo