Galicia recibirá 107 millóns para políticas de emprego en 2013, un 0.26% máis
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/conferencia_sectorial_emprego.jpg)
Así o anunciou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, trala súa participación hoxe na LV Conferencia sectorial de emprego e asuntos laborais que se celebrou en Madrid.
Ao respecto, explicou que estes fondos destínanse a “mellorar a empregabilidade dos traballadores galegos e a incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto de traballo”.
Deste xeito, os case 107 millóns –que se complementarán con fondos propios, e fondos europeos- financiarán actuacións como os programas mixtos de formación e emprego; plans de cooperación para entidades locais e de iniciativa social; accións de formación para desempregados e ocupados; apoio ao emprendemento e aos autónomos; ou programas de inserción laboral de persoas con discapacidade.
Na xuntanza de hoxe abordouse a loita contra o desemprego xuvenil. Así, debateuse sobre a Estratexia de emprendemento e emprego xove 2013-2016, un plan ao que Xunta de Galicia vaise adherir, segundo avanzou a conselleira, que ademais valorou esta iniciativa como “positiva e necesaria” en tanto ten como finalidade a inserción laboral dos menores de 30 anos.
No que se refire ao desemprego na mocidade, tratouse tamén o desenvolvemento normativo do contrato de formación. Esta modalidade, destinada aos menores de 30 anos, permítelles obter un contrato profesional cunha empresa, asociado a unha actividade formativa, que no caso de Galicia será subvencionada pola Xunta.
A fórmula “está pensada e concibida para as pemes, que constitúen o 90 por cento do tecido produtivo de Galicia”. As empresas que participen, pola súa banda, terán dereito a determinadas vantaxes fiscais.
Ademais deste aspecto, a conselleira valorou tamén que se estea traballando, entre o Goberno central e os autonómicos, nun novo modelo de reparto de fondos de emprego que pasaría a ponderar a eficacia e eficiencia das políticas activas de emprego “e non simplemente o número de parados”.
Certificados de profesionalidade
Noutra orde de asuntos, Mato considerou “moi positivo” que se siga avanzando na implantación dos certificados de profesionalidade, que permiten obter aos traballadores acreditacións de validez estatal que melloran os seus currículos e son de “gran axuda” para optar a un posto de traballo.
Neste sentido, lembrou que a Xunta aposta firmemente por esta liña de actuación, polo que “practicamente o 100 por cento dos cursos que financiamos este ano permitirá a obtención destes certificados”. Recordou, ademais, que Galicia “foi a primeira comunidade autónoma en todo o Estado en implantar o sistema de competencias clave e está á cabeza das autonomía na aposta pola formación certificable”. De feito, o incremento da formación acreditada foi consensuado e acordado nas mesas do Diálogo social.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia