Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ano 2004 foi un dos máis secos dos últimos 20 anos. O dato está recollido no Resumo Meteorolóxico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC

Así, o director do Observatorio da USC, José Ángel Docobo, sinala que as precipitacións durante o ano 2004 situánse por debaixo da media dos últimos 20 anos (1.869,4 litros por metro cuadrado).
Segundo este informe, elaborado coas medicións obtidas de cotio na estación do Observatorio Astronómico da USC, un dos datos máis destacables é o feito de que agosto de 2004 resultou ser o segundo mes máis chuvioso do ano, con 255.1 litros/m2 de chuvia recollida. Neste senso, José Ángel Docobo sinala que o mes de agosto contou con 5 días dos máis chuviosos do ano, o que representa un record histórico como tamén o é que febreiro tivera unha precipitación cativa de 14.9 litros/m2. Xaneiro, marzo, agosto e outubro foron os único meses nos que se rexistraron promedios de precipitacións superiores aos 100 litros/m2 mentres que, en contra da tendencia dos últimos anos, en novembro e decembro os rexistros pluviométricos foron moi baixos.
O número total de días nos que nalgún momento choveu ascende a 162, o que representa un 44.3 por cento do total, se ben en 19 deles a precipitación foi inapreciable (menos de 0.1 litros/m2). Tan só en 69 xornadas, choveu pola mañá, tarde e noite.
Temperaturas
Segundo se recolle no Resumo Meteorolóxico do ano 2004, a temperatura máxima do ano tivo lugar o 24 de xullo con 34º1, ás 16 horas, sendo a mínima de -2º2 o día 2 de marzo ás 8:30 horas. Neste senso, o día 27 de febreiro, único día do ano que nevou, rexistrouse a temperatura máxima máis baixa do ano situándose os termómetros en 7º8. Pola contra, os días 25 de xullo e 3 de agosto a temperatura non baixou dos 18º5.
Ao longo do ano houbo 13 días con temperaturas máximas superiores aos 30º (7 en xullo, 5 en xuño e 1 en maio) e noutros 44 entre 25º e 30º. Pola súa banda, as temperaturas mínimas, con rexistros por debaixo de cero, medíronse en 8 días (2 en xaneiro, 3 en febreiro, 2 en marzo e 1 en decembro).
Insolación
As 2.099 horas e cinco minutos de Sol medidas en 2004 representan un 47.8 por cento das posibles horas de insolación superando a media dos últimos anos (1.974 horas). Aínda que en 63 días o Sol non se deixou ver en Santiago, houbo 78 xornadas cunha insolación de entre 6 e 9 horas, e outros 107 días con máis de 9 horas de Sol.
Gabinete de Comunicación de la USC