Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O BNG pide a demisión do Valedor do Pobo polas súas declaracións sobre as fotos de Feijóo e Dorado

A deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, Tereixa Paz Franco, integrante da Comisión de Peticións do Parlamento Galego, ao abeiro do Regulamento da Cámara e da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo (Modificada polas lei 3/1994, de 18 de xullo, lei 1/2002, de 26 de marzo e lei 8/2008 de 10 de xullo) solicita unha xuntanza urxente da Comisión de Peticións do Parlamento Galego con un único punto na orde do día:
Debate e votación da proposta a levar ao pleno de Parlamento o cese do Valedor do Pobo en aplicación do suposto contemplado na Lei do Valedor, no seu artigo 5.1. 4ª causa, e iniciar os trámites para o mantemento dun novo Valedor ou Valedora.

Este grupo parlamentar considera que o comportamento do Valedor do Pobo realizando declaracións que se exceden das súas competencias como alto comisionado do Parlamento de Galiza para a defensa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas da cidadanía, nin tiñan por obxecto a tutela dos dereitos individuais ou colectivos emanados do Estatuto de Autonomía.

Referímonos ás declaracións nas que se manifesta a súa posición, na súa condición de Valedor do Pobo, en relación coa ausencia de interese xornalístico das fotografías nas que aparece nun iate o Sr. Núñez Feijóo cun convicto narcotraficante. Con estas declaracións, que nada teñen que ver co seu cometido, o Valedor toma claramente partido nun debate político que se está a producir no noso pais en relación con este asunto.

Esta actitude consideramos que vulnera claramente a súa obriga de manter unha completa imparcialidade no debate e de non posicionarse do lado de ningún partido político, nin cargo institucional nin na administración.

Consideramos que esta actuación, que non responde a defensa de ningún interese nin dereito cidadán nin colectivo, que mesmo vai máis alá dunha disertación teórica ou xurídica sobre os eventuais límites da liberdade de información e opinión en relación co dereito á intimidade, xa que emite un xuízo concluínte sobre un asunto concreto que non se corresponde con ningún expediente ou asunto que fose sometido á súa consideración.
Gabinete de Comunicación do BNG