Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

En marcha os certames de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2013

A Biblioteca Nodal de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2013, en coordinación con máis dunha vintena de bibliotecas municipais da provincia lucense.

As nenas e nenos interesados deberán entregar os traballos na biblioteca municipal do seu concello antes do 9 de maio. Estas elixirán e premiarán os mellores debuxos e redaccións do seu concello, e posteriormente remitirannos á Biblioteca Nodal de Lugo para competir na fase final.

Os traballos de redacción deben ser escritos en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e os debuxos feitos en cartolina de tamaño aproximado de DIN A4. O tema proposto é: A toda máquina.

Establécense tres categorías por tramos de idade, ata 8 anos, de 9 a 11, e de 12 a 16 anos. Os xurados seleccionarán por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos, e o fallo desta fase farase público antes do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, dedicado este ano ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Os gañadores recibirán un diploma e lotes de libros.

As bibliotecas municipais remitirán os traballos que premiaron á Biblioteca Nodal de Lugo antes do 28 de maio, para que o xurado provincial seleccione aos tres gañadores absolutos por cada modalidade e categoría.

Día do libro

A Biblioteca Nodal celebra o Día do Libro cun obradoiro titulado Hoxe todos somos escritores, ilustradores e editores, aberto a persoas de todas as idades e que consistirá na elaboración dun libro para o centro. A actividade comezará ás seis da tarde e poderán participar un máximo de 30 persoas.

Así mesmo, ao longo da xornada realizaranse diversas visitas guiadas, para escolares pola mañá e para adultos pola tarde.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia