Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que o Sergas aumentará un 25% as vías rápidas para oncoloxía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Sergas incluirá este 2013 un 25% máis de vías rápidas para patoloxías oncolóxicas, cunha espera media inferior a 15 días. “Continuaremos coa implantación das vías rápidas. É dicir, ante patoloxías que non poden esperar teñen que ter unha resposta de forma inmediata tendendo á lista de espera 0. Xa temos vías rápidas implantadas en distintas patoloxías oncolóxicas como mama, pulmón, próstata, colo-rectal, cancro Otorrinolaringolóxico, de vexiga e melanoma. E, destas 7 vías rápidas temos que cumprimentar como mínimo 5 en cada área sanitaria. E, en consecuencia esas 5 vías teñen que ter unha lista de espera tendente a cero e, en todo caso, non superior a dúas semanas”, precisou.

Feijóo, que agradeceu o “exercicio anual de rigor e de responsabilidade” dos profesionais sanitarios durante a sinatura dos Acordos de Xestión correspondentes ao presente exercicio, anunciou, tamén, a mellora do sistema de triaxe Manchester nos servizos de urxencias de todos os hospitais; unha ferramenta que axudará a diminuír a variabilidade e aumentará as garantías de seguridade para pacientes e profesionais, e contribuirá fe forma clara á priorización na atención. “E imos aprobar –engadiu- a Lei de garantías”; unha lei que fará posible menos espera, máis liberdade de elección, máis facilidades para unha segunda opinión e máis posibilidades para que os pacientes poidan expresar de forma anticipada como queren ser atendidos cando non poidan expresalo persoalmente.

Así mesmo, afirmou que consolidar o novo modelo orientado aos pacientes crónicos e reforzar o sistema de listas de espera segundo prioridades son outras dúas liñas estratéxicas para este ano.

Sobre os pacientes crónicos, Feijóo destacou que, tendo en conta a cada vez maior proporción de poboación en idades avanzadas, que trae consigo un aumento dos procesos crónicos e dexenerativos e a pluripatoloxía, o acordo inclúe, tamén, a Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade. E, no tocante ao sistema de listas de espera, resaltou o esforzo realizado por todos os profesionais do Sergas, que permitiu acadar no ano 2012 obxectivos como: un tempo medio de espera en pacientes cirúrxicos de prioridade 1, menor de 30 días (16,3días); en prioridade 2, menor de 60 días (58días); e, en primeiras consultas diminuír en 10 días de media a espera.

O responsable do Goberno galego incidiu, amais, en seguir afondando na busca de ineficiencias, a través do aforro enerxético, do novo sistema de teléfono único, da aposta pola tecnoloxía, con novos programas de telemedicina e cunha maior coordinación entre Atención Primaria e Especializada. “E continuaremos coa aposta polo aforro farmacéutico”, dixo, ao que precisou que, entre 2011 e 2012, a factura farmacéutica de Galicia baixou en 200 millóns de euros, “o custe total de construción dun hospital comarcal”.

Asemade, recoñeceu a responsabilidade dos profesionais, que permitiu incrementar a actividade cirúrxica nun 30% ou incrementar máis o consumo de xenéricos, pasando de menos do 10%, no 2009, a máis do 36%, a finais do 2012.

No eido das infraestruturas, Feijóo subliñou a modernización emprendida pola Xunta: con tres novos hospitais públicos –Lugo en funcionamento, Vigo en construción e Pontevedra en tramitación- e catro grandes reformas –ampliación do hospital da Coruña, de Ourense e da Mariña lucense e o do Salnés-; e as infraestruturas tecnolóxicas ao abeiro dos programas Innova-Saúde e Hospital 2050.

En relación a este último aspecto, explicou que, neste primeiro semestre do ano, a Consellería de Sanidade comprometeu co Goberno licitar 18 contratos de Compra Pública Innovadora por un importe de 18,4 millóns de euros. “Isto significa máis teleasistencia, máis xestión de urxencias, máis habitacións intelixentes e diagnóstico por imaxe multicentro”, dixo, despois de renovar o compromiso da construción de 15 centros de saúde.

Logo de lembrar que Galicia destina o 42% dos recursos á Sanidade, a comunidade que fai maior esforzo investidor neste servizo público; o responsable autonómico atribuíu á “capacidade de adaptación” a fortaleza da Sanidade Pública. E avogou por preguntarse constantemente qué ten e qué lle falta á Sanidade Pública actual para persistir como un dos piares do Estado de Benestar.

“Estamos facendo unha sanidade pública máis competitiva, máis eficiente, aforrando en cousas que antes malgastábamos e estamos adicando ese aforro a manter a capacidade de inversión na sanidade”, concluíu, a modo de resumo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia