Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo agradece a receptividade da FEMP para que a reforma local fomente a cooperación entre os concellos

O responsable do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu a receptividade do presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Íñigo de la Serna, para que a reforma local fomente a cooperación entre concellos, como ten impulsado Galicia de forma pioneira nos últimos anos.

Así mesmo, durante o encontro no que tamén participaron o presidente da FEGAMP, José Manuel Rey Varela, e o conselleiro de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; Feijóo destacou a importancia de poñer en marcha, no menor tempo posible, un marco salarial homoxéneo de retribucións das corporacións locais; así como a necesidade de defender as especificidades territoriais á hora de determinar o custe estándar aplicable a cada servizo, xa que criterios como a dispersión poboacional, o envellecemento ou a orografía inciden de maneira capital na prestación e financiamento dos servizos.

O titular da Xunta transmitiu á Íñigo de la Serna a vontade do Goberno galego de seguir atendendo as necesidades dos concellos no futuro apostando, fundamentalmente, pola colaboración, evitando rivalidades e evitando duplicidades que debilitan a capacidade dos municipios para prestar un mellor servizo aos cidadáns. “Fixémolo –dixo- poñendo en marcha unha nova normativa que prima en todas as axudas a aqueles concellos que presenten solicitudes conxuntan e presten servizos compartidos; e fixémolo apoiando a fusión de municipios como Oza e Cesuras, convertendo os dous nun e asegurando a viabilidade futura de un novo concello que nacerá en Galicia a través da fusión voluntaria de dous concellos anteriores.”.

Feijóo insistiu na importancia que para o Executivo galego ten a opinión dos concellos e as súas necesidades e lembrou que nos últimos anos houbo multitude de ocasións en que Xunta e municipios traballaron conxuntamente en ámbitos tan diversos como o urbanismo, a tecnoloxía, as normas do hábitat, o financiamento local ou o transporte metropolitano.

Deste xeito, e a modo de exemplos, lembrou a firma do Pacto Local e que Galicia foi pioneira na creación do Fondo de Cooperación local no ano 2000, cuxa contía blindou e mantén a pesar da caída dos ingresos. Así mesmo, referiuse ao establecemento no ano 2009 do Fondo de Compensación Ambiental, que supón un canon por ocupación de superficie nos concellos galegos de instalacións eólicas, logrando un novo ingreso para os municipios de 90 millóns de euros desde a súa posta en marcha.

Ao longo da reunión, o presidente da Xunta e o dirixente da FEMP coincidiron en felicitar á Federación Galega de Municipios e Provincias no seu 25 aniversario, tanto pola súa consolidación como pola súa estabilidade ao longo de todo este tempo. E, neste sentido, Feijóo referiuse á FEGAMP como un paradigma de cómo as administracións poden ser capaces de defender intereses comúns cunha única voz; como un exemplo de cooperación a nivel estatal, cuxa coordinación foi fundamental para o municipalismo galego e especialmente para os concellos máis pequenos, que apenas terían voz sen a existencia deste organismo.

“Durante todo este tempo a FEGAMP conseguiu facerse cunha vocación integradora e cunha vocación de seguridade e de estabilidade”, dixo, logo de destacar a importancia que para o Goberno da Xunta, “e tamén para o municipalismo español”, ten poder contar cun interlocutor estable, previsible, ordenado e vertebrado que xestiona os intereses dos 315 concellos galegos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia