Estréase no Gaiás o espectáculo infantil cómico e poético: Nuncabunga
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/nuncabunba.jpg)
Tras o éxito obtido polo Concerto didáctico de Paulo Lameiro, celebrado onte no Centro de Innovación Cultural (CINC), o ciclo Brinca Gaiás -co que a Cidade da Cultura pretende achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera ou a danza a través do xogo e a diversión- aposta o vindeiro 7 de xuño polo teatro.
Será coa obra ‘Nuncabunga’, da compañía Elefante Elegante, que vén de ser recoñecida nos Premios María Casares de Teatro como o mellor espectáculo do ano, un galardón pioneiro tras conseguir ser a primeira obra infantil nominada como mellor obra aos galardóns escénicos galegos.
‘Nuncabunga’ é un espectáculo cómico e poético sen palabras dirixido ao público familiar e infantil a partir dos tres anos de idade. A acción desenvólvese nun espazo próximo ao mar, onde vive unha persoa que construíu o seu fogar nun recuncho. Un día de tempestade aparece un estrano entalado nunhas redes, coma un refugallo máis, daqueles que o mar bota fóra. Non ten casa nin comida mais está decidido a quedar naquel lugar. Serán eles capaces de chegar a un acordo?
Entradas xa á venda
O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste espectáculo pensado para nenos a partir de 3 anos en dúas quendas de 12 e 17 horas. As entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ou a 5 euros no Espazo On da Cidade da Cultura. A entrada o mesmo día do concerto poderá adquirirse a 6 euros na billeteira do CINC.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia