Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA e a FEG apoian a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Lira

A reserva localizaríase nunha pequena zona adxacente a Lira moi afectada pola catástrofe do Prestige e frecuentada case en exclusiva por embarcacións desa localidade. Nela restrinxiríase a pesca e o marisqueo para favorecer a recuperación dos recursos e mellorar os rendementos a longo prazo.
Unha Reserva Mariña de Interese Pesqueiro é unha área que ten por obxecto protexer zonas de reprodución, caladoiros de pesca e áreas de repoboación mediante sistemas de xestión baseados en modelos de explotación ecoloxicamente sustentábeis. Comprobouse que estas pequenas zonas mariñas protexidas provocan un incremento das reservas de pesca nas zonas colindantes. Esta é a primeira reserva de interese pesqueiro que se promove en Galiza, existindo xa outras no Estado español, como a de Lanzarote-La Graciosa, con 70.000 hectáreas.
Para ADEGA e a FEG a creación dunha rede de Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro na nosa costa sería unha das medidas que máis podería axudar á recuperación dos sobreexplotados recursos pesqueiros litorais e a garantir o futuro da pesca artesanal. Os ecoloxistas demandan á Consellería e ao Ministerio de Pesca todo o apoio posíbel a esta iniciativa, incluído o económico. ADEGA e a FEG desexan que o exemplo da Confraría de Lira sexa seguido por outras Confrarías do país.
A zona proposta para a reserva forma parte da Rede Natura 2000 (espazo Louro-Carnota) e constitúe unha rede complexa de ecosistemas diferentes. É percibida polos mariñeiros como unha área moi produtiva na que se concentran multitude de espazos recoñecidos como criadeiros. Dentro da reserva mariña crearíanse dúas reservas integrais, na Illa de Anguieiro e na zona do Caxido.
Este proxecto da Confraría de Lira enmárcase nunha estratexia global de promoción da pesca responsábel, da que forman parte tamén outras iniciativas da Confraría en diversos campos: comercialización (Fundación Lonxanet), social, cultural e educativo (Proxecto Mardelira). A Confraría de Lira é unha das impulsoras da Rede de Comunidades Pesqueiras Artesanais polo Desenvolvemento Sostíbel (RECOPADES), de ámbito internacional.
Adega