Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Invístense 25 millóns de euros nos concellos galegos para accións de emprego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que o Executivo autonómico porá á disposición dos concellos galegos arredor de 25 millóns de euros a través de catro liñas de actuación que van encamiñadas á mellora dos parques empresariais, ao impulso do comercio de proximidade, a lograr unha maior eficiencia enerxética no alumeado público e á posta en marcha de obradoiros de emprego.

“Conscientes de que entre todos somos máis, entendemos que as entidades locais seguen sendo un obxectivo prioritario de coordinación entre a Administración autonómica e entre todo o entramado administrativo e político de Galicia”, asegurou Feijóo na rolda de prensa tras o Consello. Por iso, incidiu, “queremos seguir prestando apoio financeiro aos concellos, a pesares da caída dos ingresos da comunidade autónoma”, de aí que hoxe “deamos un importante impulso económico, con este investimento de 25 millóns de euros, a través de catro liñas de actuación, para insistir na colaboración entre a Xunta e os concellos de Galicia”.

4,4 millóns para parques empresariais

No que respecta ás axudas aos parques empresariais, o mandatario autonómico avanzou que se duplica o orzamento do exercicio anterior e se dedican 4,4 millóns de euros para dar axudas ás administración locais que melloren os parques empresariais instalados nos seus termos municipais. “Son axudas máis accesibles, máis cuantiosas e que se anticipan, xa que o 25% delas se poden percibir antes de executar as obras”, explicou Feijóo. O obxectivo, segundo adiantou, é incrementar a calidade das infraestruturas dos parques empresariais titularidade dos concellos galegos e centraranse na dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía; novas plantas de depuración de augas nos parques empresariais municipais; mellorar o acceso aos parques e instalar neles sistemas de seguridade e vixilancia.

Compromiso co comercio de proximidade: 4,5 millóns

“Tamén queremos renovar o compromiso co comercio de proximidade”, afirmou o titular da Xunta, de aí que o Executivo autonómico incremente un 10% a partida sobre o ano anterior e destine 4,5 millóns de euros a este obxectivo. “É a primeira vez que concellos e Xunta de Galicia van traballar xuntos para facer accións de promoción e incentivación de venda no comercio minorista, no comercio de proximidade”, sinalou.

Feijóo explicou que os importes das axudas irán en función da poboación dos municipios: así, nos concellos de ata 75.000 habitantes, as axudas serán de ata 90.000 euros e destinaranse, fundamentalmente, á creación e mellora de rúas e zonas peonís comerciais; no caso dos concellos de ata 40.000 habitantes, o importe máximo de axudas poderá acadar os 120.000 euros, e irá orientado ás prazas de abasto e a crear unha rede galega de mercados de abastos excelentes; para os concellos de menos de 20.000 habitantes, as axudas chegarán ata os 30.000 euros, dirixidas, fundamentalmente, á mellora dos espazos de venda ambulante e de mercados tradicionais.

Mellora da eficiencia enerxética nos concellos: 4 millóns

A terceira liña de colaboración cos concellos galegos é para lograr a eficiencia enerxética no alumeado público. Trátase, segundo indicou Feijóo, dunha liña que ten “unha excelente acollida”. Non en van, argumentou, 210 municipios teñen amosado o seu interese ante a Xunta por participar en axudas deste tipo. Por iso, argüíu, “ante esta elevada demanda, incrementamos ata 4 millóns de euros as subvencións para diminuír os custos de gasto corrente dos concellos e mellorar o alumeado público”. Hai 115 propostas, 65 de concellos individuais e 53 solicitudes nas que están agrupados dous ou máis municipios que queren facer de forma conxunta unha mellora na eficiencia do seu alumeado público. O incremento orzamentario desta partida é do 10% sobre o exercicio anterior e o obxectivo é lograr un aforro enerxético de 5 millóns de quilovatios/ano e un aforro económico de 1 millón de euros anual en alumeado público; 10 millóns durante a vida útil dos equipamentos que se van instalar para a diminución do consumo enerxético.

10,2 millóns para obradoiros de emprego

A cuarta liña de colaboración da Administración autonómica cos concellos son os obradoiros de emprego, aos que o Goberno galego destinará 10,2 millóns de euros e que suporá a creación directa de 1.000 postos de traballo. Segundo relatou o mandatario autonómico, poderán optar a estas axudas, como entidades promotoras dos obradoiros, tanto as entidades locais como os consorcios de concellos. Pola súa banda, os beneficiarios serán desempregados, con preferencia para aqueles colectivos con dificultades especiais de inserción: mozos e mozas menores de 30 anos, mulleres, persoal traballador que esgotou as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios ou de FP, persoas con discapacidade e persoas que presenten risco de exclusión social. Ademais, como novidade, inclúense como posibles beneficiarios os desempregados de entre 18 e 25 anos.

“Hai unha tripla dimensión neste programa: unha dimensión laboral, unha social e outra política”, incidiu Feijóo, explicando que a dimensión laboral supón unha saída para as persoas que sofren o drama do desemprego a quen máis o necesita, polo que a distribución de créditos a nivel provincial establecerá prioridades e terá en conta o número de persoas paradas en cada provincia; a dimensión social, que permite a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas; e a dimensión política, que promove a colaboración institucional entre a administración autonómica e a administración local.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia