Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Susana Fortes e Marica Campo, protagonistas dos XXIII Encontros Literarios do Liceo de Ourense

As escritoras Susana Fortes e Marica Campo serán as protagonistas este ano da XXIII edición dos “Encontros Literarios”, organizados polo Liceo de Ourense e patrocinados por esta entidade cultural, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo –Campus de Ourense- coa colaboración da Fundación Carlos Casares. O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do evento, que contou coa participación do presidente provincial, Manuel Baltar, a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, o xerente do Liceo, José Luis Troitiña, e o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares.

Nesta edición, na que se conmemoran os 23 anos ininterrompidos dunha das actividades literarias máis importantes de Ourense, o lema dos “Encontros” é “Escritoras nos comenzos do século XXI”, e servirá tamén para lembrar a figura de dous intelectuais que fixeron posible o éxito deste evento: por unha banda Carlos Casares, creador dos “Encontros Literarios” e Marcos Valcárcel, continuador deste labor desenvolvido por Casares, “a prol de espallar a cultura galega contemporánea e, ao mesmo tempo, atraer a Galicia as achegas das letras dos creadores que en castelán e noutras linguas fan da literatura o seu xeito de entender a vida”, explicou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense destacou a colaboración e apoio da institución provincial, “ás iniciativas que dignifican e dan valor de seu ao noso creando a cultura da cooperación”, “porque así se entende que esteamos hoxe aquí falando dun evento que leva 23 anos perfectamente consolidado e sendo todo un referente literario”.

O primeiro dos “Encontros Literarios” terá lugar o 10 de maio, ás 20.15 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense, coa conferencia da escritora Marica Campo, titulada “A razón de ser dunha escritora galega hoxe”. E o día 13 de maio, á mesma hora e lugar, a escritora Susana Fortes disertará sobre “vivir otras vidas”.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense