Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo Centro Gaiás recibe 1.500 pezas da Colección Orinoco

A Cidade da Cultura de Galicia recibiu as máis de mil cincocentas pezas de arte étnico que integran a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, mostra que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto coa Fundación Cisneros de Venezuela inaugurará o vindeiro 27 de maio no Museo Centro Gaiás. As pezas da Colección Orinoco foron recibidas sen incidencias no Gaiás grazas ás medidas de establecidas para o transporte e á calidade dos seus oitenta embalaxes, algúns con deseño especial para albergar materiais delicados como plumas, tecidos de algodón e fibras suaves, cerámicas e frechas. Ademais, o discurso expositivo da mostra completarase con outros materiais como son as cento vinte imaxes das impoñentes coleccións de González Niño e de Brewer Carías, as corenta e cinco pezas da parte galega ou cinco audiovisuais que aportan un contexto significativo.

As pezas de Orinoco, procedentes de Xenebra, integran unha das coleccións de arte etnográfica latinoamericana máis importantes do mundo que chega por primeira vez á Península Ibérica despois de viaxar durante trece anos por algunhas das institucións culturais máis prestixiosas de Alemaña, Francia, Suíza, República Checa, Finlandia, Rusia, Dinamarca ou Eslovenia e superar os 7 millóns de visitantes.

Aberta ao público ata xaneiro

Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, que permanecerá aberta ao público ata o 12 de xaneiro de 2014, é un proxecto que se fixo realidade grazas aos patróns da Fundación Gaiás, que así garanten a continuidade dunha programación cultural de calidade e prestixio internacional nun momento no que a prioridade vén marcada pola xestión eficiente dos recursos públicos. Asemade, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lembra que esta exposición é posible grazas á sensibilidade amosada polos máximos responsables da Fundación Cisneros: a mecenas venezolana Patricia Phelps de Cisneros e o seu marido, o empresario Gustavo A. Cisneros, que asistirán á inauguración.

O mundo perdido

A mostra propón unha inmersión nun dos territorios máis salvaxes e máxicos do planeta, un lugar inaccesible e exuberante, onde apenas o un por cento da luz solar alcanza o chan ao mediodía, unha selva mítica que buliu na imaxinación de exploradores e grandes escritores, como Xulio Verne ou Arthur Conan Doyle.

A mostra é unha homenaxe á diversidade cultural e ambiental, unha oportunidade para abraiarse coa íntima convivencia coa natureza destas comunidades que, durante séculos, desenvolveron modos de vida baseados no principio de tomar da natureza o que dela precisan e devolverlle á natureza o que dela tomaron.

Coñecedores dos importantes recursos fluviais que temos na nosa comunidade, Orinoco. Viaxe a un mundo perdido tamén incluirá unha pequena mostra etnográfica de Galicia, explicando a vida ao redor dos nosos ríos. Esta mostra contará con corenta e cinco pezas procedentes de institucións e coleccións da nosa comunidade que veñen a falarnos da tradición da pesca e da navegación. As pezas estarán acompañadas de imaxes que retratan as paisaxes e costumes da vida fluvial galega.

Colección fotográfica e recursos multimedia

O Museo Centro Gaiás mostrará a imponente Colección Orinoco, froito das exploracións da familia Cisneros, que desde a década dos setenta realizou numerosas incursións neste territorio, e das achegas do etnógrafo Edgardo González Niño e do antropólogo belga Walter Coppens. Esta exposición inclúe dúas importantes coleccións fotográficas con cento vinte imaxes de González Niño e de Charles Brewer Carías, así como proxección de varios documentais e unha sección multimedia a través da web www.orinoco.org, con amplos recursos didácticos.

A Consellería de Cultura e Educación destaca que a exposición brinda unha magnífica oportunidade de achegarse á cultura latinoamericana e, dun xeito particular, á cultura e á etnografía dun país cunha das comunidades de galegos na diáspora máis numerosas como é Venezuela.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia