Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que a Xunta destinará 2 millóns de euros aos parques naturais dos 121 concellos de Rede Natura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Goberno galego destinará unha partida de máis de 2 millóns de euros aos 121 concellos situados en Rede Natura para a recuperación e conservación dos seus espazos naturais. O mandatario galego precisou que esta orde de axudas, que se resolverá nos vindeiros días, vén ratificar o compromiso do Goberno galego “coa conservación, coa protección e coa mellora” dos parques naturais en Galicia.

Segundo explicou, estas axudas irán destinadas a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

Conservar a biodiversidade

Alberto Núñez Feijóo visitou o Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, con motivo da celebración do Día Europeo do Parques. Trátase, dixo, do mellor escenario para ratificar o compromiso do Goberno galego co medio ambiente. “Hoxe queremos reiterar que, a pesares da crise, temos que coidar o noso contorno, a nosa paisaxe, e seguir apostando por manter a calidade das augas, das praias e dos parques naturais que temos en Galicia”, abondou.

O presidente da Xunta apuntou que os seis parques naturais de Galicia, xunto ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, se estenden por unha superficie de case 50.000 hectáreas ao longo das catro provincias e cada un deles atesoura unha paisaxe e un hábitat distinto, de enorme valor ecolóxico, estético, educativo e científico.“A Xunta sempre entendeu que protexer os sinais de identidade de Galicia é protexer os seus parques naturais”, aseverou.

O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia é, sinalou, o mellor instrumento para este cometido porque, segundo expuxo, garante a integración entre as actividades humanas coa preservación e respecto da natureza. “Facer compatible un parque natural co desenvolvemento social e o hábitat poboacional dos veciños que conforman ese parque sempre é unha tarefa obrigada de calquera goberno responsable”, asegurou.

Protexer a paisaxe e as especies en perigo de extinción
Na súa intervención, o mandatario galego apuntou que a Xunta tamén está a prestar unha atención preferente á protección e á recuperación daquelas especies e hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer. Neste punto, lembrou que o Consello da Xunta aprobou recentemente os primeiros plans de recuperación de dúas especies ameazadas, como son o sapoconcho común e a escribenta das canaveiras. E avanzou que, proximamente, se aprobará o plan de recuperación e conservación da píllara das dunas e que se revisará o plan de recuperación do oso pardo en Galicia.

O presidente da Xunta indicou que algunhas destas especies, como a píllara das dunas, a escribenta das canaveiras ou unha das catro poboacións do sapoconcho común, teñen o seu hábitat no Parque Natural de Corrubedo, recoñecido como Lugar de Importancia Comunitaria, Humidal Protexido e de Importancia Internacional e Zona de Especial Protección para as Aves e os valores naturais. Unha área, dixo, a conservar “como patrimonio de todos” porque “hoxe temos un lugar que conservar e un efecto chamada que ampliar”, agregou.

“Imos seguir perseverando en coidar a natureza, queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”, aseverou, e con ese obxectivo, dixo se teñen aprobado as Directrices de Ordenación do Territorio e ao Plan de Ordenación do Litoral. Neste remarcou que Galicia volve ser a primeira comunidade que conta con máis praias de bandeira azul, con 128 distintivos.

“Hoxe a Xunta ratifica o seu compromiso coa conservación da natureza, da paisaxe que temos que coidar e co nivel de excelencia dos parques galegos, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia