Expertos latinoamericanos coñecen en Galicia o traballo da Eurorrexión pioneira
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/expertos_latinoamericanos_ue.jpg)
En concreto tratase de dez persoas, entre profesores, xestores e políticos locais de Brasil, Perú, Colombia e Venezuela; todos eles vinculados á cooperación transfronteiriza nos seus países de orixe. Estarán de visita ata o 5 de xuño, acompañados de varios representantes da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), organizadora da iniciativa, en colaboración coa Comunidade de Traballo Galicia-Norte.
O obxectivo da visita é que o grupo de expertos acaden un coñecemento amplo do traballo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; que saiban que fomos pioneiros no espazo ibérico en incluír unha política de cooperación transfronteiriza entre as prioridades institucionais dos nosos gobernos; e que grazas a ese traballo conseguimos crear, nesta área de fronteira, unha das máis fecundas integracións de entre tódalas fronteiras interiores do seo da UE.
Na recepción, Rueda incidiu que dende a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal estase a buscar na actualidade novos instrumentos, actores, espazos e tarefas que permitan conservar o noso liderazgo na cooperación transfronteiriza en Europa; mantendo a austeridade na xestión de recursos que a actualidade nos impón, así como a eficiencia na ratio entre eses recursos e os resultados alcanzados.
Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou a evolución da Comunidade de Traballo Galicia-Norte desde a súa creación, en outubro de 1991, e destacou que neste período que agora remata, a Eurorrexión participou en 70 proxectos financiados co Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España Portugal; que supuxeron unha inversión total de máis de 135 millóns de euros.
Axenda en Vigo, Braga e Oporto
Durante os tres días da visita, do 3 ao 5 de xuño, os participantes poderán coñecer os lugares e organismos máis relevantes da Eurorrexión en termos de cooperación transfronteiriza. Así, ademais da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP AECT), onde foron recibidos por Rueda, os expertos tamén visitará as sedes viguesas do Eixo Atlántico e o Centro de Cooperación Transfronteiriza dos empresarios (CECOTRAN).
Posteriormente, desprazaranse a Braga para coñecer as instalacións do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía e rematarán a visita en Oporto, onde coñecerán o traballo desenvolvido na Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) e ao Parque de Ciencia e Tecnoloxía UPTEC da Universidade do Porto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia