Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di no Parlamento que apoiará á minaría galega cando cumpra as leis

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, durante a súa comparecencia parlamentaria, que a Xunta apoiará o sector da minaría sempre que cumpra as leis e estudando caso por caso e avanza que a mina de feldespato de Xinzo non será aceptada “porque non cumpre as normas e interrompe 246 explotacións agrarias”.

O titular autonómico aseverou que o Goberno galego ten moi claro o que defende: unha Galicia onde se poida vivir, unha Galicia onde se poida traballar, unha Galicia que crea riqueza e unha Galicia onde podamos vivir de forma saudable. E, neste sentido, subliñou que as portas de Galicia están abertas a todos os proxectos que cumpran as leis, que xeren emprego, que sexan viables, que sexan sostibles e que sexan seguros.

“Todas as actividades están suxeitas ás leis, ás regras e as normas”, insistiu, logo de aseverar que, con carácter xeral, a Xunta protexerá o sector da minaría; un sector do que viven 7.000 familias e que factura 700 millóns de euros. “O sector mineiro en Galicia ten futuro e a decisión política en Galicia é apoialo”, dixo, se ben fixo fincapé en que os proxectos concretos terán que cumprir “todos, todos” os requisitos legais; “se os cumpre será e, se non os cumpre non será”.

Logo de lamentar a dobre moral do grupo parlamentario AGE, por dicir unha cousa e facer outra, o presidente da Xunta referiuse, tamén, a Corcoesto, asegurando que o Goberno galego seguirá traballando coas regras, coas normas, coas leis e coas directivas europeas; “e, por iso, se Corcoesto cumpre todo poderá ser, pero namentres non acredite todo, non será. Esa é unha gran diferenza dos que cremos no Estado de dereito e os que están cuestionando constantemente o Estado de Dereito”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia