Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As Facultades de Xeografía de Bergen e Santiago organizan conxuntamente un congreso sobre as comunidades costeiras no período de globalización

Os temas centrais do Congreso xirarán en torno á globalización e os seus efectos nas comunidades costeiras, o arraigo xeográfico e espírito emprendedor nestas zonas, a nova ordenación do litoral ou as novas xeracións e as comunidades costeiras, entre outros.
Segundo os promotores do encontro internacional, a globalización interfire nas comunidades costeiras a través dos procesos de integración mundiais, dado que as innovacións tecnolóxicas e as construcións de sistemas globais de transferencia veñen causando grandes cambios nas estruturas económicas, culturais e políticas, con importantes efectos sobre as actividades económicas nestas comunidades en todo o mundo. Neste senso, os organizadores do congreso apuntan o aumento das augas territoriais ata as 200 millas, as políticas pesqueiras da UE e os gobernos nacionais, ou a redución de capturas en augas nacionais e internacionais, como factores que supoñen para as comunidades pesqueiras o reto de modernizar a flota e as infraestruturas.
Esta incidencia da globalización materialízase tamén na súa influencia na industria da construción naval, coa recolocación deste sector ou o seu éxodo cara Asia, coa conseguinte diminución dun dos principais motores económicos de moitas comunidades, a desaparición de miles de traballos e, nalgúns casos, incluso unha perda de identidade, sinalan os organizadores do congreso.
Fronte este conxunto de circunstancias, a globalización tamén significa que as condicións locais, como as redes e o coñecemento arraigados xeograficamente, inflúen no desenvolvemento. Neste senso, o desenvolvemento da acuicultura ou o turismo, entre outros exemplos, supoñen novas claves de innovación e progreso propiciando que moita xente destas comunidades cambiasen a súa actividade e a aparición de novas posibilidades de desenvolvemento para as comunidades.
Partindo destas consideracións, o congreso pretende propiciar un debate e abrir procesos de análise sobre os novos modelos organizativos e plans de desenvolvemento socioeconómico para o litoral, atendendo a cuestións como a capacidade de adaptación das comunidades costeiras a un contorno globalizado.
Gabinete de Comunicación USC