25 espectáculos en 10 días, na XXX Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/mostra_teatro_cangas_2013.jpg)
O programa deste evento, un dos festivais escénicos de maior relevancia e traxectoria de cantos se celebran en Galicia, ocupará durante 10 días distintos escenarios pechados e emprazamentos ao aire libre da vila pontevedresa para ofrecer unha completa panorámica da escena galega, así como doutras propostas chegadas desde Arxentina, Francia, Madrid e Andalucía e de proxectos xurdidos da colaboración entre colectivos galegos e doutras comunidades autónomas.
En nome da Consellería de Cultura e Educación, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), interveu no acto de presentación xunto a Casilda García e María Armesto, integrantes da comisión organizadora da Mostra que asumen conxuntamente a Asociación Cultural Xiria, o Concello de Cangas e Ningures Produción.
Carácter estratéxico
O responsable da Agadic incidiu no carácter estratéxico da Mostra de Cangas, á que atribuíu relevancia máis alá do estritamente artístico. “De feito –argumentou– xunto co seu importante labor de proxección da actualidade teatral galega e o seu indiscutible papel na creación de públicos, non podemos esquecer o seu positivo impacto como dinamizadora da economía local”.
Referiuse tamén á liña de axudas da Agadic destinadas á celebración deste tipo de eventos, convocadas recentemente por un importe total de 360.000 euros (180.000 para festivais de artes escénicas), como a aposta da Consellería pola súa continuidade.
Un total de 25 formacións artísticas, 21 delas galegas, configuran a carteleira de espectáculos deste ano en Cangas, na que conviven teatro de actor, familiar, de rúa, monicreques, monólogos, musicais, clown ou cabaré. As representacións ocuparán tanto as rúas e prazas da vila (zona monumental, eirado do Sinal, palco das naves de Ojea, praza das Pontes...) como distintos escenarios de recintos pechados (Auditorio Municipal e Salasón).
Con Vidal Bolaño
A figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, tamén ocupa un lugar destacado na XXX Mostra de Teatro de Cangas, ao figurar na programación as obras 'Criaturas', a cargo de Teatro do Aquí; e 'BailadElas', montada por Teatro Antroido, coproducións ambas as dúas realizadas este ano co Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O Auditorio Municipal de Cangas acollerá os espectáculos 'Pequenos actos pseudorrevolucionarios', de Ibuprofeno Teatro; 'Criaturas', de Teatro do Aquí; 'BailadElas', de Teatro Antroido; 'Kafka e a boneca viaxeira', de Emedous-Albena-Tantakka; 'O refugallo', de Berrobambán&Bichakadela; 'Les blues de la Mancha', de Cirque Hirsute (Francia), 'Viaxe a ningunha parte', de Sarabela; 'Decameron, historias para tempos ruíns', de Abrapalabra; 'La rendición', de Traspasada co Centro Dramático Nacional (Madrid) e 'Eurozone', de Chévere.
O mesmo edificio, pero desde o espazo do segundo andar, ofrecerá o programa de micropezas de teatro integrado por 'A Fronteira' e 'Fade Out', da compañía A Claque; 'Micro Cabaré', de Nelson Quinteiro; e 'A coincidencia cósmica' e 'Os tres presidentes', de Micro Teatro por Casa.
Na 'Salasón' actuarán Maribolheras Precárias, con Maribingo; Ángel Simón con 'A Farmacia'; e Iolanda Muíños e Camila Bossa con 'Malos Hábitos'; en tanto que nas rúas e prazas da vila os viandantes atoparanse cos últimos espectáculos de Os da Ría, Ghazafelhos Teatro, Ale Risorio (Arxentina), Capitán Maravilla (Andalucía) e Mónica de Nut; así como coas achegas escénicas dos grupos de escolas de teatro e danza da comarca e que amosarán os seus traballos nunha nova edición do “Revoltallo en pedra”.
Actividades paralelas
Como en anteriores edicións, a XXX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas segue a apostar por unha programación de calidade e para todos os públicos con especial fincapé no humor, polo diálogo co teatro doutras comunidades e países e polo asentamento de accións paralelas formativas e divulgativas.
Neste último apartado destacan o acto lúdico “Unha noite entre amig@as” dedicado á memoria da actriz Marisa Soto; e os obradoiros “A emoción en escena”, impartido polos integrantes da compañía asturiana Teatro del Norte; e “Produción de espectáculos: da idea ao escenario”, a cargo de Carlota Ojea.
Ademais, con motivo de celebrarse este ano o trixésimo aniversario desde a fundación da Mostra en 1984, o 2 de xullo terán lugar dúas mesas redondas sobre o devir do evento, que se centrarán a partir dos títulos “30 anos de Mostra e 35 de movemento teatral” e “Do humor como ruptura ao humor como supervivencia”.
No decurso da Mostra tamén se fará entrega do XXVII Premio Xiria ao labor teatral á empresa local Frigoríficos do Morrazo e do II Premio Mulleres en Acción ao Observatorio da Mariña pola Igualdade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia